Ana Pontón defende en Vigo un modelo de financiamento xusto no que Galiza teña “a chave dos seus cartos”
Avoga por acadar un concerto económico como o que ten Euskadi e pronto terá Cataluña para mellorar a vida dos galegos e das galegas
A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu en Vigo o modelo alternativo de financiamento que propón o BNG, un modelo “xusto” cos galegos e coas galegas no que Galiza teña “a chave dos seus cartos” a través dun concerto económico como o que xa ten Euskadi e pronto terá Cataluña.
Así o explicou nun acto público na cidade olívica enmarcado na campaña ‘Concerto económico: Galiza coa chave dos seus cartos” que está a desenvolver o BNG en favor dun modelo de financiamento xusto para o País, acto no que tamén participou o responsable comarcal, Manuel Caride.
Na súa intervención, Pontón avogou por acadar un acordo bilateral co Estado que lle permita a Galiza recadar o 100% dos seus impostos porque non ten que conformarse con “migallas” como pretende o PP, que só defende retoques cosméticos no sistema actual, un sistema que cualificou de inxusto e co que a cidadanía galega perde miles de millóns de euros.
Nun momento no que se debate o modelo de financiamento, o BNG considera que Galiza non pode permanecer como mera espectadora nin perder o tren nun tema crucial que vai marcar o futuro do País, tal e como quere o Goberno do PP, con Alfonso Rueda á cabeza, que prefire a submisión á estratexia de Feijóo en Madrid que a defensa dos intereses dos galegos e das galegas.
Por iso, no modelo de concerto que defende a formación nacionalista, Galiza será quen faga as contas co Estado e non ao revés, transferíndolle a Madrid o pago dos servizos comúns que presta no País, explicou a portavoz nacional, quen subliñou que, co actual modelo, o Estado está facendo caixa a costa da cidadanía galega.
Neste sentido, referiuse ao informe elaborado polo economista Xosé Díaz, segundo o que, en 2022, último exercicio liquidado, o Estado recadou 15.385 millóns de euros en Galiza, que recibiu 10.041 millóns, é dicir, un diferencial negativo de 5.344 millóns ao que habería que restar o pago ao Estado polos servizos que presta pero que, aínda así, suporía un saldo enorme a favor do País.
Para afondar no infrafinanciamento galego, a líder nacionalista tamén recordou o informe do Consello de Contas que, logo de analizar o actual modelo de financiamento en termos de equidade e suficiencia, sitúa o déficit do financiamento entre 2009 e 2021 en case 20.000 millóns de euros, é dicir, que Galiza perde arredor de 1.500 millóns cada ano.
“Hai que darlle a chave dos nosos cartos aos galegos e ás galegos”, concluíu destes datos Pontón, quen reprochou a Rueda a súa negativa tanto a negociar a quita da débeda acadada polo BNG no acordo de investidura -pese a que o seu pago supón a terceira partida máis alta dos orzamentos-, como a defender que Galiza teña a chave dos seus cartos a través dun modelo de financiamento propio acorde á súa realidade e ás súas necesidades.
Un modelo que, recalcou, xa ten Euskadi e vai ter Cataluña, mentres que a única nación histórica que non tería ese status sería Galiza, se o titular do Executivo mantén a súa decisión de antepoñer os intereses do PP aos dos galegos e das galegas, submiso á estratexia partidista que lle marcan dende a rúa Génova. Por iso, concluíu emprazando a Rueda a rectificar e evitar pasar á historia como o presidente da Xunta que sitúa a Galiza como “unha comunidade de segunda” aceptando as migallas do centralismo madrileño.