Ana Pontón defende ante a UE máis axilidade e menos burocracia na xestión dos fondos europeos e unha maior participación dos concellos
Propón destinar máis fondos á innovación e á investigación, claves para os retos de futuro, o desenvolvemento económico e a creación de emprego
Avoga por utilizar máis recursos europeos para combater o despoboamento e a fuga de talento e ofrecer oportunidades de vida á cidadanía
Pontón e Miranda valoran como moi satisfactorias as reunións de traballo coas comisarias europeas Elisa Ferreira e Iliana Ivanova
A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu ante a UE unha maior axilidade na xestión dos fondos europeos, unha maior participación dos concellos nestes recursos e unha simplificación administrativa que permita reducir a burocracia para que os investimentos cheguen canto antes ás PEMES, aos sectores produtivos e ás familias. De igual xeito, avogou por destinar máis fondos da UE á innovación e á investigación, claves para abordar os retos de futuro e para o desenvolvemento económico e a creación de emprego en Galiza.
Así o explicou no Parlamento Europeo en Estrasburgo, logo de manter xunto á eurodeputada Ana Miranda sendas reunións coa comisaria de Cohesión e Reformas, Elisa Ferreira, e coa comisaria de Ciencia, Investigación, Cultura, Educación e Mocidade, Iliana Ivanova, para abordar os intereses de Galiza en relación aos temas competencia de ambas carteiras.
Pontón subliñou a necesidade de “axilizar a xestión e investimento” de todos os fondos europeos que lle corresponden a Galiza, un total de 3.150 M€ no período 2022-2027 entre os xestionados pola Xunta e os que administra o Estado, así como de financiar a formación do persoal encargado da súa xestión en todo tipo de administracións para acelerar o seu acceso ás e aos destinatarios e incrementar o número de profesionais que se dedican a este labor.
De igual xeito, avogou por “incrementar a participación dos concellos” reforzando a política de cohesión desde abaixo, dado que máis do 81% dos concellos galegos son receptores destes recursos.
A líder nacionalista salientou a importancia en concreto dos fondos de cohesión na loita contra o despoboamento e a dinamización do medio rural e considerou necesarias medidas específicas para garantir un rural vivo, sustentable e dixital, máis tendo en conta que o FEADER-Rexional Galiza está destinado ao fomento da competitividade na agricultura, a xestión sustentable dos recursos e a loita contra o cambio climático.
Pontón tamén trasladou á comisaria Ferreira a preocupación do BNG polo baixo nivel de execución de todos os fondos europeos que lle corresponden a Galiza e recordou que mentres xa está en marcha o novo marco de financiamento europeo 2021-2027, o Executivo de Rueda aínda está tentando investir os fondos do período anterior, consumindo a prórroga de tres anos que finaliza o 31 deste mes.
Segundo dixo, a mala xestión do Goberno do PP faille perder oportunidades aos sectores produtivos, ás empresas e ao conxunto da cidadanía e advertiu tamén que os Executivos do Partido Popular “non fixeron investimentos estruturais de calado, nin puxo en marcha proxectos innovadoras que serviran de palanca modernizadora” de Galiza nos últimos anos cando o que necesita Galiza son precisamente “proxectos e investimentos a longo prazo”.
Despoboamento e fuga de talento
Outra das cuestións abordadas coa comisaria de Cohesión e Reformas foi a crise demográfica estrutural que padece o País, marcada polo envellecemento e o despoboamento, e sobre a que advertiu “imos en dirección contraria” porque mentres a UE aumenta poboación, Galiza a perde, soportando ademais a fuga de talento.
Neste sentido, compartiu con Ferreira a idea de reforzar e investir máis, “utilizando os recursos europeos neste sentido”, en servizos públicos como sanidade e educación, en servizos sociais, en infraestruturas e en facilitar o acceso á vivenda porque tanto a perda de poboación como a fuga de talento ten moito que ver coa calidade de vida, cos servizos e coas oportunidades que se ofrecen á cidadanía.
Pontón e Miranda valoraron como moi positivas tanto a reunión coa comisaria Ferreira como a mantida coa comisaria Ivanova, á que trasladaron a necesidade de destinar máis fondos á innovación e á investigación, claves para o desenvolvemento económico e a creación de emprego en Galiza.
A portavoz nacional lamentou a situación da ciencia en Galiza, moi por debaixo do investimento da media europea, polo que reafirmou o seu compromiso nun goberno do cambio liderado polo BNG de incrementar o investimento a través dun Pacto pola Ciencia co obxectivo de alcanzar o 2,5% do PIB nos próximos anos, así como a promoción da ciencia aberta e as misións, en liña co Programa Marco do Horizonte Europa, nos ámbitos marcados como estratéxicos pola UE, como o cambio climático, as cidades intelixentes ou a alimentación.
Ademais de deseñar unha carreira investigadora que dote de estabilidade e condicións de traballo dignas ao persoal investigador e reducir a fenda de xénero, Pontón tamén comprometeu a creación dun programa de retorno e captación de talento, a posta en marcha da Rede galega para a ciencia, a tecnoloxía e a innovación co obxectivo de coordinar todo o sistema investigador do País, e a mellora da transferencia de coñecemento para promover unha economía máis innovadora e resiliente.
Ademais das xuntanzas de traballo coas comisarias, Pontón mantivo tamén un encontro cos deputados e deputadas do Grupo Verdes-ALE, no que está integrado o BNG dentro da Eurocámara.