Ana Pontón defende en Lugo un concerto económico para Galiza e unha tarifa eléctrica galega

  • Critica a falta de ambición de país de Feijóo “que nos conduce a irrelevancia política” en lugar de reclamar un financiamento xusto
  • Denuncia que hai empresas como Alcoa con problemas de continuidade por custes enerxéticos nunha Galiza que exporta electricidade

A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu en Lugo as propostas do BNG en dúas cuestións de plena actualidade política: financiamento autonómico e loita contra a pobreza enerxética nun momento en que o prezo da luz alcanza máximos históricos.

Nun acto aberto á veciñanza no centro social Uxio Novoneyra, Pontón explicou a proposta de concerto económico do Bloque que consiste na xestión e control desde Galiza de todos os recursos do país e, como xa fan en Euskadi, aportar ao Estado unha cantidade como compensación por servizos comúns. Con este sistema, a facenda galega disporía de 3.500 M€ adicionais “que nos permitirían acabar cos recortes e blindar os servizos públicos e sociais”.

A dirixente nacionalista apelaba as cifras oficiais de 2014, -último exercicio fiscal liquidado-, segundo as cales, Galiza aportou ao Estado vía impostos 11.131 M€, mentres este transferiu 7.043M co actual modelo de financiamento. Tomando como referencia os criterios de PIB e poboación que se lle aplican a Euskadi, -que ten concerto económico-, a achega galega ao Estado sería de 630M€, o que deixa un saldo de 3.458 millóns a favor de Galiza.

O concerto económico “é a única opción de autonomía real, única opción para avanzar” e, ademais, garantir “unha convivencia entre iguais nun Estado plurinacional”, explicou Pontón. “No BNG confiamos na capacidade de Galiza e non compramos a falsa idea de que vivimos da solidariedade do Estado”, ao contrario do señor Feijóo “cuxa actitude de submisión a Rajoy está conducindo a este país a irrelevancia política, ademais de saírnos moi cara aos galegos e galegas”.

A pobreza enerxética foi outras das cuestións abordadas pola dirixente do Bloque quen cualificou de “disparate político” que “nun país produtor excedentario de enerxía como Galiza haxa miles de familias que pasan frío porque non poden prender a calefacción ou que ducias de empresas, entre elas algunhas tan importantes para Lugo como Alcoa, se cuestionen a súa continuidade polo custe enerxético”.

O BNG volve poñer encima da mesa a tarifa eléctrica galega para que familias e empresas se beneficien de que somos produtores de electricidade, cando menos “non pagar os custes de distribución da luz ao Estado, iso si sería un xeito efectivo de combater a pobreza enerxética e garantir a viabilidade das empresas, en particular daquelas que, como Alcoa teñen altos custes enerxéticos”, argumentou.