Ana Pontón defende para Galiza o mesmo que xa ten Euskadi e pronto vai ter Cataluña: a chave dos seus cartos
Acusa a Rueda de abrazar o centralismo acatando un modelo de financiamento que discrimina ao País e faille perder miles de millóns de euros
Os datos demostran que o Estado fai caixa con Galiza: no ano 2022 recadou pola vía dos impostos un total de 15.385 millóns de euros e recibimos 10.041
A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu, no marco da xornadas de financiamento organizadas polo BNG, un acordo pactado de xeito bilateral co Estado que lle dea a Galiza o mesmo que xa ten Euskadi e moi pronto vai ter Cataluña: a chave dos seus cartos para mellorar a vida dos galegos e as galegas.
Nun momento decisivo no que se está a negociar no Estado a reforma do financiamento, Pontón asegurou que para Galiza só hai dúas opcións. Por un lado, o modelo do PP, que consiste en “retoques cosméticos dun sistema inxusto que nos fai perder miles de millóns, que é un traxe a medida do egoísmo centralista e que non confía en Galiza”. Polo outro, o modelo do BNG, para “decidir nós sobre o noso, sen complexos, con ambición e desde a confianza no País”.
“Temos que quitarlle a chave dos nosos cartos a Madrid e dárllela ás galegos e aos galegos”, incidiu, desde o convencemento de que Galiza non se pode conformar coas “migallas” e ten que negociar de xeito bilateral co Estado un sistema que lle permita recadar o 100% dos seus impostos e ter plena capacidade para fixar impostos, cunha Facenda galega con todas as funcións.
No modelo de concerto que defende o BNG, Galiza será quen faga as contas co Estado e non ao revés, transferíndolle a Madrid o pago dos servizos comúns que presta no País, explicou a portavoz nacional, subliñando que, tal e como demostran os datos, o Estado fai caixa co noso País, pois aportamos vía impostos máis do que recibimos.
Para afondar nesta cuestión, referiuse ao informe elaborado polo economista Xosé Díaz, segundo o cal en 2022, último exercicio liquidado, o Estado recadou 15.385 millóns de euros en Galiza, que recibiu 10.041 M€, é dicir, 5.344 M€ menos. “Obviamente -precisou- habería que restar o pago ao Estado polos servizos que presta, pero aínda así o saldo a favor de Galiza sería enorme”.
É por iso que a líder do BNG considerou “incomprensible” e unha “falta de respecto” aos galegos e ás galegas que pagan os seus impostos que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, espalle “a mentira de que Galiza é pobre e vive da solidariedade de Madrid”.
Ana Pontón insistiu, neste punto, en que Galiza está infrafinanciada, como demostra o informe do Consello de Contas, que tras analizar o actual modelo “obsoleto e caduco” en termos de equidade e suficiencia, sitúa o déficit do financiamento en case 20.000 millóns de euros entre 2009 e 2021. “A conclusión é demoledora: Galiza perde e perde moito, cun déficit de financiamento no entorno dos 1.500 millóns de euros cada ano”, agregou, recalcando a continuación que, tamén segundo Contas, recibimos 559 euros menos por habitante do mínimo que se precisa para atender servizos públicos básicos.
A portavoz nacional reprobou a Rueda por rebaixar a 700 millóns a cantidade que perde Galiza co sistema actual, unha proba máis de que “en lugar de defender un financiamento xusto, o goberno do PP leva quince anos sendo cómplice dun modelo que nos discrimina”. “En lugar de pelexar para cambialo, opta por apuntalar ese modelo compensando a falta de recursos con recortes e máis recortes en servizos públicos e, para colmo, aplicando unha política fiscal regresiva que consiste en baixarlle máis impostos aos máis ricos”, sinalou.
A “disparatada” decisión de non aceptar a quita da débeda
Para a líder nacionalista, Rueda estase afianzando como “o presidente da Xunta máis desleal da historia”, pois o seu empeño de poñer ao PP por diante pode facer que Galiza perda a oportunidade de aforrar miles de millóns de euros. Referiuse así á quita da débeda que o BNG logrou para Galiza no acordo de investidura e que “no colmo do servilismo a Madrid” o xefe do Executivo do PP se nega a aceptar agora apelando a unha “suposta igualdade” que, porén, non tivo en conta cando se rescataron as radiais madrileñas con 4.000 millóns de euros, ou cando se pagaron 90.000 M€ -22.000 para Caja Madrid- para rescatar a banca.
“É politicamente impresentable e unha decisión disparatada que despois de triplicar a débeda até os 14.291 millóns de euros, o PP boicotee a quita lograda polo BNG, que supón un aforro de miles de millóns de euros”, afondou Pontón, que tamén advertiu que a deslealdade de Rueda podería facer que Galiza quedara atrás, sendo a única nación sen ter a chave dos seus cartos.
A portavoz nacional concluíu a súa intervención advertindo a Rueda que “non imos deixar que o seu servilismo ao centralismo e ao PP de Madrid converta a Galiza nunha comunidade de segunda”, negándolle a chave dos seus cartos a través dun modelo de financiamento propio acorde á nosa realidade e ás nosas necesidades.
Pontón interveu na xornada organizada polo BNG dentro da campaña institucional e a pé de rúa que está a desenvolver para explicarlle á cidadanía a súa proposta de financiamento e contrapoñela ao actual sistema, aprobado no 2009 e pendente de renovación desde o 2014. Entre outras persoas expertas, participou no encontro celebrado cunha gran afluencia de público, o viceconselleiro de Facenda do Goberno vasco, Iñaki Alonso.