Ana Pontón defende crear unha empresa pública que democratice a enerxía para beneficiar as persoas e non as grandes eléctricas
Aposta por incorporar un cambio de paradigma no modelo fracasado do PP para situar a enerxía como un ben público ao servizo da sociedade
“Queremos que os beneficios da produción eléctrica vaian a Endesa, Iberdrola ou Naturgy ou que vaian aos galegos e as galegas?”, cuestiona
Pide ao PP que deixe de actuar ao servizo do lobby eléctrico e defenda os intereses da cidadanía apoiando a proposta do BNG no próximo pleno
A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu a creación dunha empresa pública de enerxía, 100% pública, coa que se impulse un “cambio de paradigma” no modelo enerxético “fracasado do PP” para, “fronte ao negocio privado e especulativo en poucas mans, situar a enerxía como un ben público ao servizo da sociedade galega”, unha proposta que o BNG levará ao próximo pleno do Parlamento.
Pontón dixo agardar que, “por unha vez, o Partido Popular vote pensando nos intereses dos galegos e das galegas e deixe de actuar ao servizo do lobby eléctrico” porque a cuestión neste momento é moi clara: “queremos que os beneficios da produción eléctrica de Galiza estean en mans de Endesa, Iberdrola ou Naturgy, ou queremos que eses beneficios vaian aos galegos e ás galegas a través da participación pública?”, cuestionou logo dunha xornada sobre enerxía que o BNG desenvolveu na Cámara galega.
A líder nacionalista mostrou a súa preocupación polo modelo enerxético “imposto polo PP e as empresas do oligopolio eléctrico” que están levando ao sector a un calexón sen saída caracterizado pola inseguridade xurídica consecuencia dos continuos cambios normativos “feitos a demanda da patronal”, pola resposta social aos abusos e á imposición, e pola paralización xudicial de proxectos por unha tramitación deficiente.
Fronte a este modelo fracasado do PP, defendeu o modelo enerxético do BNG, “galego, ordenado, sustentable e xusto”, no que xunto a outras grandes liñas de actuación como a planificación integral do mix enerxético ou a tarifa eléctrica galega, se atopa tamén a creación dunha empresa pública de enerxía, como xa teñen outros países do contorno europeo como Francia, Italia ou Suecia.
Un instrumento transformador que permitiría a Galiza beneficiarse da súa riqueza eléctrica e que o Bloque pon enriba da mesa, a diferenza do PP, logo do diálogo con amplos sectores da sociedade galega e que, ademais, está aliñado coas posicións defendidas polo Consello Económico e Social.
Neste sentido, advertiu do espolio que está a sufrir o País, que exporta electricidade, pero non recibe beneficios, tal e como evidencian os últimos datos de Red Eléctrica, que reflicten a exportación do 42% da electricidade xerada en Galiza en 2023, sen que este rexistro histórico estea servindo para acadar unha maior grao de industrialización. “Pola contra, favorece a implantación de iniciativas noutros territorios do Estado español”, denunciou.
Pontón ofreceu dous datos clarificadores ao respecto: o primeiro, que Galiza ten instalados 3.800 MW de eólica cos que se xeran 2.000 empregos, mentres que Euskadi, con só 160 MW instalados, xera neste sector arredor dos 15.000 empregos. O segundo, que Galiza, con máis de 4.000 muíños nos montes, está perdendo 27.400 empregos industriais mentres que Madrid, con 0 muíños, está gañando máis de 21.000 empregos na industria.
Dous datos moi significativos para explicar que a enerxía non está significando máis industria no País, o que “é consecuencia do modelo do Partido Popular, que drena recursos públicos á privada e que lle pon unha alfombra vermella ao lobby eléctrico”, reprochou.
Neste contexto é onde cobra sentido a proposta nacionalista de crear unha empresa pública de enerxía que quite “poder ás eléctricas para darllo á sociedade galega e que os beneficios da electricidade tamén redunden no ben común do País”. Deste xeito, coa participación pública, os beneficios da produción eléctrica volverían á sociedade galega xa que unha parte dos mesmos, “en vez de servir para distribuír dividendos nas grandes eléctricas, servirían para reforzar os servizos públicos”, exemplificou.
Principais ámbitos de actuación
A creación desta empresa pública permitiría atender á produción de enerxía eléctrica a partir de fontes renovables e actuar sobre a súa comercialización no mercado, o que permitiría que os edificios públicos puidesen subministrarse directamente a través da compañía e garantir aos sectores da poboación moi vulnerables un subministro eléctrico a mellores prezos.
A portavoz do BNG tamén puxo o foco sobre as centrais hidroeléctricas que hai no País, con concesións caducadas ou que van caducar nos próximos anos, o que permitiría incorporalas á empresa pública de tal xeito que os seus beneficios tamén redundarían no ben común. “Socializar beneficios en vez de socializar perdas que é o que fai habitualmente o Partido Popular”, sintetizou.
Outro dos ámbitos de actuación da empresa pública sería a promoción de todo o que ten que ver coa eficiencia, a xestión e o aforro enerxéticos, así como noutras cuestións claves na descarbonización como, por exemplo, os sistemas de carga de vehículos eléctricos, novos combustibles ou sistemas de almacenamento de enerxía.
Pontón tamén apuntou que a compañía permitiría fomentar a innovación e patentes no ámbito enerxético, na elaboración de estudos e análises sobre cambio climático e transición enerxética e, por último, explicou o carácter aberto da empresa á participación de todas as entidades de ámbito local e, polo tanto, á marxe dos proxectos de ámbito galego que se puideran desenvolver, tamén permitiría apostar por iniciativas locais, proxectos de autoconsumo local e industrial ou por comunidades enerxéticas e base cidadá.
“Queremos unha Galiza na vangarda que sexa líder en renovables, en transformación tecnolóxica, na protección do medio e na loita contra o cambio climático e nun novo modelo enerxético que estea ao servizo da maioría e non ao servizo do lobby eléctrico”, resumiu para pedir de novo o apoio do PP á proposta nacionalista.“Agardo que o Partido Popular deixe de defender os intereses das eléctricas en Galiza, pense no ben común e que o próximo martes apoie esta iniciativa do BNG”, concluíu.