Tras a reunión co Grupo parlamentario para fixar as liñas do debate do Estado da Nación previsto para os días 9, 10 e 11 de setembro, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón salientou a importancia do último debate da lexislatura que, ao seu xuízo, marcará “o final de ciclo do Partido Popular cun modelo que representa o pasado e o pesimismo e un BNG que representa o futuro e a esperanza”.
Pontón criticou a xestión política do PP que deixa “unha Galiza peor da que atopou” despois de 14 anos de goberno e explicou que Galiza perde mocidade con 141.881 menores de 30 anos entre 2009 e 2021 na emigración, perde peso demográfico e económico pasando de representar o 6,03% en 2008 ao 5,67% en 2022, o PIB galego baixa do 5,26% ao 5,18% e o emprego do 5,64% ao 5,18%
Perdemos converxencia coa UE en competitividade descendendo ao posto 149 no ano 2022, en actividade industrial perdéronse 40.000 postos de traballo entre o 2008 e 2022 e nos servizos públicos e benestar, os datos da AIREF confirman que “Galiza está á cola do Estado en gasto sanitario e educativo per cápita”. O gasto sanitario en Galiza situouse en 1.727 euros por habitante no ano 2022, 43 euros por baixo da media estatal e en educación Galiza baixamos do posto 96 (2016) ao 149 (2022) no Índice de Competitividade Rexional da UE, esta dixo, é a Galiza que nos deixa o Partido popular.
Co Partido popular Galiza perde peso político
A nacionalista incidiu en que as políticas do PP fan que Galiza perda peso político coa “parálise na transferencia de competencias, a discriminación en materia de financiamento e pola submisión do PP a Madrid e o centralismo” porque o Goberno galego “non actúa ao servizo dos intereses de Galiza, é unha delegación en Galiza do PP madrileño e dos grandes grupos económicos”
Temos un goberno sen forza, sen pulso, sen impulso, que semella un coche co depósito baleiro e que ten dificultades para rematar o traxecto do final do mandato para chegar á meta. “Un goberno coas pilas esgotadas. Que está desexando que chegue o final do partido porque está absolutamente desfondado, esgotado, sen ideas e sen proxectos de futuro”.
Fronte a isto, dixo, imos levar ao debate unha batería de propostas centradas en 2 ámbitos: medidas urxentes para protexer ás persoas máis vulnerábeis e axudar á sociedade galega a afrontar as dificultades provocadas pola suba incontrolada dos prezos da cesta da compra, dos combustíbeis e das hipotecas coa mobilización de 153 millóns de euros, un bono escolar para compensar os gastos extraordinarios de comezo do curso máis caro da historia, restituír a Tarxeta básica para compra de alimentos básicos e medicinas, a compatibilidade IMV-RISGA e fondo un Fondo de Rescate hipotecario para 120.000 persoas con hipotecas.
Por outra banda, engadiu, o BNG tamén defenderá proxectos transformadores e de futuro para poñer en marcha “unha Galiza viva, forte, dinámica, orgullosa, científica e feminista” e para diso, precisamos ampliar o autogoberno político, económico e fiscal, máis recursos cun novo sistema de financiamento para mellorar o benestar das galegas e galegos e a mobilización de investimento para fortalecer o tecido tecnolóxico e industrial.
Pontón anunciou que o BNG defenderá 10 eixos con medidas concretas para camiñar na senda dunha “Galiza científica, verde e ecoloxista, con enerxía propia, dixital, cohesionada, feminista, unha Galiza do Benestar cunha administración aberta, moderna e próxima, con dereitos sociais e democráticos e unha Galiza con proxección internacional”.
A líder do BNG concluíu a súa intervención reiterando que imos a un debate do Estado da Nación onde se vai ver con claridade que en Galiza hai que escoller entre dúas opcións: “un PP que representa o pasado e o pesimismo, e un BNG que representa a esperanza e o futuro para todos os galegos e galegas”.