Ana Pontón: “Cumpriremos o noso compromiso electoral ao pé da letra impedindo un goberno de Feijóo coa extrema dereita”
Se Sánchez quere o voto do BNG ten que ganalo, e imos usar a nosa forza antes e despois da investidura para facer valer Galiza en Madrid, alega
Ve ao goberno do Rueda desnortado, sen alternativas á crise e máis submiso que nunca a Madrid, como proba a votación en contra do galego
Comeza a conta atrás para o cambio, proclama no Consello Nacional
O BNG centrou o seu primeiro Consello Nacional tras o inicio do curso político en fixar as prioridades de traballo para os vindeiros meses cun común denominador: defender os intereses de Galiza ante un goberno do PP “de brazos caídos, desnortado e supeditado a Madrid”, até o punto de votar en contra do galego no Parlamento por submisión a Génova.
“Unha vez máis o Partido Popular no lado equivocado da historia, votando en contra do galego, negando a realidade dun Estado plurilingüe, pluricultural e plurinacional”, destacou a portavoz nacional, Ana Pontón, nunha intervención na que sintetizou as tres cuestións “relevantes” que marcan a estratexia do Bloque no actual contexto político: a formación do goberno do Estado, a crise de prezos e o cambio político que o BNG aspira a liderar tras as eleccións galegas.
En relación a conformación do Executivo central, Pontón reiterou que o BNG cumprirá “ao pé da letra” os dous compromisos electorais contraídos cos e coas galegas: “Impedir un goberno de Feijóo coa extrema dereita e defender os intereses de Galiza ante o Estado”, indicou, pero tamén advertindo a Sánchez que se quere o voto do BNG “ten que ganalo e a maneira de facelo é cumprir con Galiza”.
O primeiro compromiso quedará saldado na votación da investidura; a segunda será unha constante ao longo de toda a lexislatura. “O noso obxectivo é defender unha axenda galega en Madrid como sempre fixemos e aí están os feitos por máis que lle estorben ao PP; rebaixa histórica das peaxes da AP9, o dragado da Ría do Burgo e a electrificación do tren entre Lugo e Ourense, todas demandas históricas”, indicou.
Neste sentido, deixou claro que o BNG vai usar a forza do seu voto “antes, durante e despois da investidura” a favor de Galiza no Estado, “porque coa investidura non acaba nada, empeza unha lexislatura na que cada votación vai estar moi disputada e, por tanto, cada votación vai ser unha oportunidade para facer valer o voto do BNG en defensa de Galiza. Que ninguén se chama a engano”, subliñou.
A segunda cuestión abordada foi a crise de prezos, “que sigue condicionando a vida das familias”, argumentou, “sen que o Executivo de Rueda sexa capaz de tomar ningunha medida eficaz para axudar a quen peor o está pasando, porque ademais de desnortando e submiso a Madrid está desconectado da difícil realidade de miles de galegos e de galegas”.
O dato de agosto volve deixar un IPC por riba da media estatal, ante salarios e pensións máis baixas mentres sube a cesta da compra, as facturas de servizos básicos e as hipotecas, “a tormenta perfecta pero Rueda nin está nin se lle espera”, criticou Pontón, que puxo énfase na suba das hipotecas.
Rescate hipotecario
“Supón un mazazo para as 175.000 persoas que hoxe pagan até 4.000 € anuais máis de hipoteca”, denunciou Pontón, ao tempo que avanzou que o BNG levará ao Parlamento a creación dun fondo de rescate hipotecario sufragado nun 75% pola banca que, na práctica, supón fixar un tope nos intereses para axudar ás persoas con ingresos inferiores ao salario medio estatal, -26.832 € brutos ao ano-, obrigadas a destinar máis do 30% do salario a pagar a hipoteca.
“Rueda ten que deixar de arrastrar os pés nesta crise e ten que deixar de ignorar os problemas que lle quitan o sono a maioría deste País. Menos traballar para Feijóo e máis traballar para Galiza”, sentenciou.
Axenda do cambio galego
A terceira cuestión tratada no Consello Nacional foi o cambio político que o BNG aspira a liderar. Pontón anunciou que até ás eleccións a formación nacionalista vai presentar unha batería de propostas de calado, viables e ambiciosas, enmarcadas no que denomina axenda do cambio galego, que será tamén un adianto do programa de goberno do Bloque.
“Comeza a conta atrás para o cambio de goberno en Galiza”, proclamou, “e somos conscientes das esperanzas que hai postas en nós, e por iso, máis que nunca temos que traballar coa man tendida para seguir sumando ao proxecto do BNG. A sociedade galega pode ter a tranquilidade e a confianza de que temos ese novo proxecto de país, claro e sólido para darlle un novo rumbo esperanzador a Galiza e mellorar a vida das persoas”.
Financiamento, debate clave
O obxectivo é liderar a alternativa ao PP, “para poñer en marcha o mellor Goberno galego da nosa historia, preparado para liderar Galiza desde o primeiro día, cun proxecto solvente e transformador. Ese é o meu compromiso e, con ese reto, imos desenvolver unha intensa axenda de traballo para o cambio galego”.
Pontón destacou que hai moito en xogo con debates estratéxicos sobre a mesa, como o financiamento autonómico, pero nos que Galiza está desaparecida e cun Rueda “á contra” cando difunde o tópico centralista de que este é un País pobre “debilitando a nosa posición negociadora”; ou cando se limita a laiarse do que reclaman outros pero é incapaz de concretar que financiamento nos corresponde.
“Desde o BNG propoñemos como primeiro paso desbloquear a comisión parlamentaria de financiamento, vetada polo PP e traballar nunha proposta ambiciosa de país que nos dea a chave dos nosos cartos”, concluíu.