Ana Pontón: “A cultura deste país necesita unha oportunidade e imos darlla cun goberno liderado polo BNG partir do 12X”
Entre as medidas: plan de reactivación da cultura, reorientación do Xacobeo, TVG como escaparate da creación galega, entender o sector como xerador de riqueza e emprego e crear unha consellería específica
Compromiso da candidata de “desconfinar” o sector e poñer fin a dez anos de políticas de “demolición” da cultura e da lingua do país
A candidata á Presidencia, Ana Pontón, reuniuse co sector da cultura para abordar a situación dun sector marcado pola precarización que a crise da COVID19 non fixo máis que agudizar, un sector que precisa con urxencia contar cun goberno aliado que se poña do seu lado, como o que espera liderar BNG a partir do 12 de xullo.
Nos xardíns coruñeses de San Carlos, Pontón expuxo as principais apostas do programa de goberno do BNG a favor do sector, partindo da consideración da cultura como un dereito, como un motor de creación de riqueza e emprego e como unha excelente carta de presentación de Galiza no mundo desde o orgullo da cultura e da lingua propias.
“A cultura deste país necesita unha oportunidade e terémola tras o 12X cun Goberno liderado polo BNG que permita empezar a construír o que se destruíu ao longo de once anos de demolición da cultura e da lingua, cun Feixóo que aplica políticas en contra dos nosos creadores e creadoras e en contra do idioma do país”, salientou Pontón, nun encontro no que tamén participaron o cabeza de lista pola Coruña, Xosé Luís Rivas, e a candidata Mercedes Queixas.
“Acabamos de vivir tres meses de confinamento que supuxo un duro golpe para o xa de por si precarizado mundo da cultura, con cancelación de programacións, actuacións e traballos”, indicou, por iso hoxe é aínda máis importante “un Goberno que aposte pola nosa cultura”.
Neste sentido, o BNG presenta un programa de goberno no que a cultura é concibida “como un dereito” o que terá un reflexo na estrutura do propio Executivo cunha consellería de Cultura, “para que a política cultural deixe de ser un apéndice e pase a ser unha cuestión estratéxica como sucede nos países avanzados que tratan á cultura como un piar para e para a cohesión social e como un piar para o desenvolvemento económico pola súa capacidade de crear riqueza e emprego ademais de ser unha excelente carta de presentación de Galiza no mundo”, explicou Pontón.
Entre as propostas programáticas, a candidata nacionalista á Presidencia destacou a posta en marcha, nos primeiros cen días de goberno, dun plan de apoio ao sector cultural elaborado man a man cos diferentes axentes implicados, “nun momento no que moitos e moitas creadoras o estado pasando mal nun sector que xa ten moitas dificultades”. Igualmente, apostar polos medios públicos, nomeadamente a TVG, como escaparate da cultura do país de tal xeito que actúen como fiestra de oportunidade en lugar de ser un actor que censura.
Outra das propostas é a reorientación dos fondos do Xacobeo, en cuxa programación a cultura galega ten unha presenza menor cando os e as creadoras deberían ter nese evento unha oportunidade. Tamén, o programa inclúe un apoio decidido ao propio idioma, empezando pola derrogación do decreto da vergoña que limita o uso do galego, “porque non podemos da carta de normalidade a que sexa a única lingua en retroceso no Estado, un idioma forte ten detrás de si a un país orgulloso que avanza e progresa en todos os ámbitos”, destaca Pontón.
“Este 12 de xullo temos a oportunidade de desconfinar a lingua e a cultura, de deixar atrás os recortes apostando polo cambio galego da man do BNG, co compromiso de que imos facer da cultura un dereito e un factor de desenvolvemento económico, porque queremos un país con máis cine, teatro, literatura, cun audiovisual potente e con orgullo da nosa lingua”, concluíu.