Ana Pontón critica que tras vinte anos do afundimento do Prestige a costa galega segue indefensa e baixo o control de Madrid
Reclama a transferencia das competencias en materia de salvamento e seguridade marítima e maior control e sancións contra os sentinazos
Destaca o papel do BNG ante a castátrofe, “poñendo ao servizo da causa Nunca Máis toda a nosa organización, infraestrutura técnica e militancia”
A portavoz nacional, Ana Pontón, participou en Camariñas na presentación das persoas que encabezarán as candidaturas do BNG na Costa da Morte, nun acto que coincide co vinte aniversario do afundimento do Prestige, que tivo esa comarca como zona cero do desastre pero que dúas décadas despois aínda espera pola maioría infraestruturas comprometidas.
“É evidente que non se cumpriu nin coa Costa da Morte nin con Galiza”, criticou a líder nacionalista, que aproveitou o simbolismo da data para destacar “a dignidade” coa que o pobo galego reacciono fronte “as mentiras, a manipulación e a incompetencia do Goberno do PP, no Estado e na Xunta”. Esa loita social sen precedentes conseguiu cambios, subliñou, “aínda que queda moito por facer para garantir a seguridade da costa galega, que a día de hoxe, segue indefensa baixo o mando de Madrid”.
Por iso, o BNG insiste en reclamar a transferencia das competencias de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña, “porque ninguén mellor que Galiza para entender e defender a nosa costa e o noso mar e por iso reclamamos todas as competencias nesta materia”. A formación nacionalista tamén demanda un servizo público de salvamento, “porque a seguridade no mar non pode estar en mans de empresas privadas que só ven esa seguridade como un lucrativo negocio”, alegou desde Camariñas.
É evidente que non se cumpriu nin coa Costa da Morte nin con Galiza
Dentro das cuestións pendentes, o Bloque insiste no control contra os sentinazos, control e sancións, porque está práctica ilegal é moi común ante a costa galega pero sen que se coñeza ningún buque sancionado. E, igualmente, o tratamento definitivo dos residuos do Prestige, porque vinte anos despois aínda quedan 10.000 toneladas de chapapote sen tratar.
Pontón destacou o seu “orgullo” polo papel xogado polo BNG ante a maior catástrofe ambiental en Galiza.
“Teño o inmenso orgullo de poder dicir que alí estivo o BNG desde o minuto cero, man a man co pobo galego, do lado da xente, poñendo ao servizo da causa Nunca Máis toda a nosa organización, toda a nosa militancia, todos os nosos responsables políticos, nos concellos, no Parlamento, en todas as institucións, poñendo ao servizo deste País, na súa hora máis difícil, todos os medios dos que dispoñíamos, toda a nosa infraestrutura organizativa, técnica e humana”, subliñou.
As promesas incumpridas non obvian o logrado grazas a “loita colectiva” que se viviu nas rúas galegas durante meses, unha mobilización social e política “que deu froitos”, como a mellora dos medios de salvamento marítimo, tanto por parte do Estado como da Xunta. “Non son suficientes pero houbo un avance”, alegou. Ademais, ampliouse o dispositivo de separación de tráfico no corredor marítimo de Fisterra, aprobouse a retirada progresiva dos buques monocasco e a implantación de seguros para cubrir danos ambientais.
“Pero aínda queda moito por facer porque, vinte anos despois, o risco permanece, e permanece tamén a irresponsabilidade política desas forzas estatais que pensan que a nosa costa se pode gobernar desde despachos en Madrid”, concluíu.