Ana Pontón critica os políticos que veñen “facer turismo electoral” sen propostas para Galiza
Sobre o debate a 5: “Tan segura estou da colección de machos alfa da política estatal, que aposto o meu coche a que non van dedicar nin un minuto a falar dos problemas de Galiza”
Revitalizar o rural, infraestruturas, marco enerxético estable para manter os 4.000 empregos en ALCOA, prioridades de Maite Ferreiro para Lugo
A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o mitin central en Lugo para pedir o voto para un BNG “en remontada” e ser decisivo na política do Estado nun escenario sen maiorías absolutas no que os deputados e deputadas nacionalistas usarían a súa forza para pasar a páxina de catro anos de discriminación con Galiza.
Nun mitin ao aire libre no corazón da cidade da muralla, Pontón ironizou sobre @s candidat@s das forzas estatais que, unha campaña máis, volven exercer o repetitivo papel de “paracaidistas” en busca de votos. “Veñen facer turismo electoral e non se molestan en facer propostas para resolver os problemas que temos no país nin cando veñen aquí”, denunciou, tras criticar que o gran tema de campaña sexa o debate a cinco.
Tirando de ironía, Pontón fixo un prognostico do que está tan convencida que se atreveu a apostar o seu coche. “Non sei se apostar o meu coche porque estou segura que non o vou perder: Que nese debate no que participará a colección de machos alfa da política estatal, nin Pedro, nin Pablo, nin o outro Pablo, nin Rivera, nin o reconquistador van dedicar nin un só minuto a falar de Galiza. So queren o botín dos votos”.
Pontón pediu o voto para o Bloque “para ser decisivos na política do Estado a favor dos e das galegas nun escenario sen maiorías absolutas”. O reto o 28A “non está en optar por unha dereita botada ao monte ou por unha esquerda que non foi capaz de derrogar as contrarreformas laborais, a lei mordaza ou a LOMCE. A decisión é Galiza si ou Galiza non, e este 28A milleiros de galegos e galegas van dicir Galiza si collendo a papeleta do BNG”, concluíu.
Infraestruturas, sangría demográfica e acabar co espolio enerxético que pon miles de empregos na picota no sector industrial e agrogandeiro centraron as reivindicacións da candidata ao Congreso por Lugo, Maite Ferreiro, ás que o BNG dará prioridade a través da súa representación en Madrid tras o 28A.
“O BNG ten propostas como a tarifa eléctrica galega que daría estabilidade ás empresas electrointensivas como ALCOA na Mariña, asegurando 4.000 empregos directos e indirectos na comarca, emprego para que a mocidade non teña que emigrar. E tamén nas explotacións agrogandeiras nas que o coste enerxético supón un dos máis importantes gastos de produción”, salientou.
No capítulo de infraestruturas, Ferreiro fixo fincapé na urxente necesidade de cumprir con Lugo modernizando un ferrocarril anclado no pasado. “Precisamos un tren deste século”, reclamou, e acabar coa incomunicación coa capital galega cunha proposta: “Crear un novo tramo de liña ferroviaria entre Curtis e Ordes que, con solo 26 km, nos permita ter unha conexión axeitada entre Lugo e Santiago”.
Ferreiro salientou cal será a primeira iniciativa que o Bloque defenderá no Congreso a favor de Lugo: “un xulgado específico contra a violencia de xénero con persoal formado e espazos axeitados para as vítimas e as súas crianzas, que poida levar casos dos distintos partidos xudiciais, acortando así os tempos para a celebración dos xuízos. Para que as vítimas empecen canto antes o proceso de recuperación das súas vidas”.
“As deputadas e deputados do BNG imos ir a Madrid coas mans libres, para poñer por diante os intereses do pobo galego e para facerse valer sobre as cuestións que afectan directamente ás nosas condicións de vida. Somos a única forza política leal á sociedade galega, con capacidade plena para facer valer os nosos intereses”, salientou facendo unha apelación as persoas que quedaron desencantadas, tras ver a discriminación destes catro anos, para que opten polo candidatura nacionalista.