Ana Pontón critica a pinza PP+PSOE+Marea que exclúe ao BNG da defensa da lei da transferencia da AP-9
- “Parécelles honesto vetar á forza política que redactou e impulsou esta lei mesmo cando estaba condenada a morrer?, interpelou a Feijóo, Villares e Leiceaga
A portavoz nacional, Ana Pontón, celebrou o voto unánime do Parlamento á Lei de transferencia da AP9 pero foi moi critica coa “pinza PP, PSOE e Marea” para excluír ao BNG da defensa do texto no Congreso, precisamente á forza política que redactou, impulsou e defendeu a lei incluso despois do veto do Goberno central, consumado pese a estar en minoría na Cámara baixa.
“Pregúntolles se lles parece honesto e ético vetar á forza política que impulsou esta lei contra vento e marea, á forza que a redactou e que a rescatou cando estaba condenada a morrer despois do vil veto de Rajoy e Ana Pastor?”, interpelou Pontón a Feijóo, Villares e Leiceaga, como máximos responsables das súas organizacións.
“Lamento profundamente que un día no que tiñamos que enviar unha mensaxe de unidade das forzas políticas galegas, o partidismo, o oportunismo e a deslealdade sexa a mensaxe que deixa a pinza PP, PSOE, Marea”, dixo.
Pontón salientou, ademais, que queda fora do debate no Congreso precisamente a única forza “que non ten unha pata en Madrid e que faría unha defensa netamente galega da transferencia da AP9 como primeiro paso para acabar coa estafada das peaxes e do servizo de terceira de AUDASA”, subliñou, tras lembrar que en 30 anos nin PP, nin PSOE sancionaron nunca á concesionaria pese ao seu historial de pésimo servizo e de abusos.
Precisamente ante os e as usuarias, -“que están ata as narices de sufrir as condicións da AP9 por cortesía das forzas estatais”-, reiterou Pontón o compromiso do BNG: “Non pararemos ata acabar coa estafa legalizada das peaxes e co servizo de terceira que soportan os miles de galegos e galegas que usan esta autoestrada cada día”.
A portavoz nacionalista pediu un pacto de todas as forzas en aras do pluralismo e dunha democracia “honesta e con principios”, para que se respecte algo tan básico como que a forza parlamentaria autora dunha iniciativa lexislativa forme sempre parte da delegación galega que acuda ao Congreso, e que os postos restantes se repartan proporcionalmente entre os outros grupos parlamentarios.
Dèjá Vu
Pontón confía en que, desta vez, sexa posible acadar unha AP9 galega como primeiro paso finiquitar a estafa legalizada das peaxes e deixa unha pregunta para quen tacha de “ilusorio” ese obxectivo: “Como se explica daquela que Rajoy teña 3.500M€ para rescatar as autoestradas radiais madrileñas e cero euros para rescatarnos da AP9 e por riba anúncianse peaxes máis caras?”
A nacionalista puxo en valor o traballo do Bloque que “non tirou a toalla” nin cando Feijó desistira tras aceptar “resignadamente” o veto de Rajoy. Por contra, o BNG loitou por recuperar a unidade política e convocou unha reunión cos dirixentes das outras forzas, mesa de diálogo “a que non quixeron sentarse nin Leiceaga nin Feijóo”, denunciou, tras agradecer a positiva resposta de Villares.
Pontón tampouco se rendeu ate esta nova negativa e levou o asunto á Xunta de Portavoces de onde saíu o acordo que hoxe se aprobou no Parlamento, o mesmo texto do Bloque que recibira luz verde na Cámara hai 14 meses suprimidos os artigos que serviron de escusa ao PP para o veto.
“Polo tanto, estamos lexitimados para dicir que no BNG actuamos con xenerosidade, sen partidismo e fomos motores deste acordo. Mais vemos que a xenerosidade e o apartidismo só se aplica nunha dirección”, lamentou.