Ana Pontón critica o “muro de soberbia” dun Feixóo que rexeita as 386 emendas do BNG para mellorar os orzamentos 2020
O BNG vota en contra dos orzamentos da Xunta para 2020 por considerar que non responden ás necesidades do país e criticou o “muro de soberbia” que, en definición da portavoz nacional, Ana Pontón, impide ao PP de Feixóo aceptar ningunha das 386 emendas nacionalistas presentadas para mellorar as contas públicas.
“Mantemos o voto en contra a uns orzamentos que son un retrato dun goberno fracasado, sen ideas e sen proxecto de futuro, que deixa unha Galiza peor que a qeu atopou fai dez anos”, sintetizou a dirixente do Bloque, “porque non teñen ideas para enfrontar a crise industrial, non hai impulso estratéxico nin á innovación, nin á ciencia, nin aos sectores produtivos e manteñen o deterioro e a privatización dos servizos públicos”.
Pontón tamén reprochou que se trata duns orzamentos que tampouco recollen “medidas efectivas” para enfrontar a crise demográfica, abordar a desigualdade social, a emerxencia climática ou o deterioro da lingua e da cultura do país.
Desde o BNG, explicou, “presentamos 386 emendas parciais para poñer en marcha unha axenda en defensa das maiorías sociais, pero o PP vota non, por exemplo, a un plan mellorar de atención primaria, a reducir as listas de espera ou a un plan de emprego xuvenil e de loita contra a precariedade”.
Entre as cuestións que quedaron no tinteiro polo veto dos populares: acabar co espolio enerxético, unha transición xusta nas Pontes, máis recursos á investigación, ampliar os centros de día e escolas infantís, máis fondos contra a violencia machista, mellorar o transporte ferroviario ou a loita contra os incendios”. “O seus 386 non demostran até que punto chega a súa soberbia política e como usan o rodillo para converter o Parlamento nun decorado baleiro”, criticou Pontón.
Hai menos emprego que fai 10 anos, a emigración segue lastrando o desenvolvemento económico e social, medrou a precariedade e deteriorouse o mercado de traballo ao tempo que aumenta a desigualdade e hoxe un de cada cinco galegos e galegas están en situación de exclusión social. Fronte a isto, a Xunta “non fai unha análise realista” nas contas de 2020, nin ten en conta o contexto de recesión global e o Executivo de Feixóo “segue mirando para outro lado ante a crise industrial”.
“Non teñen estratexia ante as deslocalizacións, a perda de galeguidade do tecido empresarial, nin para apoiar autónomos e pequeno comercio, nin para abordar unha transición enerxética xusta, nin para situar a Galiza como unha referencia no terreo da ciencia e da innovación”, sintetizou Pontón, quen tamén desmontou a etiqueta de “sociais” que o PP quere adxudicar ás contas públicas.
“Ocultan que a atención primaria ten 142 M€ menos que cando Feixóo chegou á Xunta, ocultan que existen 5.000 vacantes no SERGAS; en Educación manteñen un recorte acumulado de 2.000 millóns de euros, que a cifra de docentes no sistema público é a máis baixa desde 2014 e oculta que hai un problema de acceso á vivenda cun 28,3% da poboación en vivendas inseguras e o 18,9% en vivendas insalubres”, replicou a portavoz nacionalista con datos á propaganda dos orzamentos sociais.
En relación ao apoio á normalización lingüística, destacou que se destina un 60% menos que fai 10 anos, mentres que en cultura o investimento é un 47% inferior.
“O PP, -concluíu Pontón- converteu a tramitación parlamentaria dos orzamentos nunha oportunidade perdida ademais de deixar o retrato dun goberno esgotado, sen visión de futuro, sen iniciativa e sen ilusión. A día de hoxe, a Xunta non é máis que unha cuestión de supervivencia para o PP de Galiza e para o propio Feixóo, cando o que precisa o país é un cambio de rumbo político para pasar a ter un verdadeiro proxecto de futuro”.