Ana Pontón critica a Feixóo polo uso electoral da viaxe a Arxentina: “Estamos ante un PEMEX II”
Lémbralle ao presidente da Xunta que durante o seu mandato 200.000 mozos e mozas colleron as maletas por falta de oportunidades laborais
O BNG quere que explique no Parlamento o custe e os logros desta viaxe
Pola información publicada até o momento, sinala, “estamos ante unha viaxe que máis que institucional desprende un tufo electoralista na que ademais Feixóo está repetindo un modus operandi que debería darlle vergoña pois consiste en facer os mesmos anuncios e as mesmas promesas sen base. Estamos con claridade ante un PEMEX II e todas lembramos como acabaron eses anuncios: en fume, en barcos que non se construíron e cos seus amigos mexicanos imputados por corrupción”.
Pontón afonda no paralelismo entre os anuncios preelectorais para o sector naval de pasadas viaxes institucionais a México coas que agora anuncia desde Arxentina, se antes consistía en renovar a frota do país azteca, esta vez o anuncio é para renovar a frota do país andino.
“Agora que parece que o filón de México se acabou, o señor Feixóo recorre a Arxentina con anuncios sen ningún tipo de confirmación oficial, convencido de que pode enganar os e as galegas todo o tempo”, criticou a líder nacionalista.
En relación á defensa do sector pesqueiro galego, Pontón preguntouse como é posible que no mesmo momento da súa visita o Goberno de Mauricio Macri anuncie que vai realizar prospeccións en busca de petróleo nos principais caladoiros nos que faena a frota galega, “contra iso meras palabras sen ningún documento”.
Pontón considera positivo que o xefe do Executivo galego anime a mocidade arxentina descendente de galeg@s a volver a Galiza, “pero debería explicarlle que clase de emprego lle ofrece cando ten ao país sumido nunha crise industrial que ameza centos de postos de traballo e cando máis de 200.000 galegos e galegas de primeira xeración, a maior parte xente moza, tiveron que coller as maletas por falta de oportunidades durante a década do seu mandato na Xunta”.
Pontón avanza que o Bloque vai pedir a comparecencia de Feixóo para que explique esta viaxe en pleno, así como a remisión á Cámara de todos os acordos asinados co Goberno arxentino e o detalle do custe desta viaxe de claras tinturas electoralistas.