Ana Pontón, convencida de que o BNG vai superarse nas urnas e darlle voz propia a Galiza no Congreso
A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou un acto coa militancia no concello de Vila de Cruces para trasladar o “optimismo e confianza” cos que a súa formación encara a repetición electoral do 10N, convencida de que Galiza vai ter representación propia no Congreso da man do BNG, co apoio de todos os galegos e galegas que ven no Bloque a solución fronte ao “circo” das forzas estatais.
“Quero dirixirme a todas as persoas enfadadas e desencantadas polo circo no que se converteu a política madrileña para pedirlles que non queden na casa, que o 10N actúen de maneira diferente e aposten por un BNG que nunca fixo parte do problema senón que quere ser parte da solución e porque representamos a solidez e a responsabilidade neste escenario de política irresponsable”, salientou, tras proclamar que o Bloque “vai ir por todas para facer valer Galiza”.
Con ese obxectivo, recalcou Pontón, o Bloque “propón unha alianza coa sociedade galega para defender con forza os intereses deste país en cuestións clave como o modelo de financiamento, das infraestruturas, na defensa da industria, do tecido económico, na mellora das pensións, na defensa da sanidade. E queremos tecer esa alianza co máis vivo, dinámico, innovador e consciente da nosa sociedade porque estamos seguras que as propostas do BNG son o software do cambio real en Galiza”.
Urxe un cambio real que poña fin á discriminación das forzas estatais, e ese cambio debe estar protagonizado pola sociedade galega a partir da súa activación, a partir do seu empoderamento para facerse valer e o primeiro paso é recuperar voz propia en Madrid, -concluíu Pontón-, apenas 24 horas despois de que o Consello Nacional, máximo órgano entre asembleas, aprobase as candidaturas, programa e a estratexia electoral para a cita coas urnas do 10N.