Ana Pontón considera unha “obriga política, moral e ética” investigar a situación da sanidade pública
Espera que o PP non boicotee a comisión de investigación que propón a oposición: “Quen nada ten que agochar, nada debe temer”
Pedirá a comparecencia de Feixóo e Almuíña e dará voz @s profesionais, asociacións, colectivos, familiares e usuari@s da sanidade pública
A portavoz nacional, Ana Pontón, salientou que a comisión de investigación proposta por todas as forzas da oposición “é unha obriga política, moral e ética” para evitar que sucesos tráxicos como o falecemento de doentes por falta de atención ou de tratamento médico volvan suceder, e para analizar e corrixir o deterioro do sistema sanitario público co obxectivo de salvagardar o dereito á saúde das persoas.
“Un dereito que está ameazado polos recortes e privatizacións do PP”, salientou Pontón na comparecencia cos portavoces parlamentarios de En Marea e PSdeG, para anunciar a creación dunha comisión de investigación da situación da sanidade pública e do caso do falecemento dun doente no PAC da Estrada e dos afectados por hepatite C falecidos por non recibir a medicación acaida.
Pontón criticou a “decepcionante e cruel” resposta de Feixóo ante o incidente do 4 de agosto, -“día negro na sanidade galega que non se pode tapar con propaganda”-, e considera inadmisible que o presidente da Xunta “queira facer tabula rasa como se a vida das persoas non fose importante, encastelado e sen asumir responsabilidades. Os recortes matan”, sentenciou.
“A comisión ten que servir para facer unha diagnose do deterioro da sanidade pública, para esclarecer as responsabilidades políticas do dramático falecemento dunha persoa no PAC da Estrada, doutras vítimas do sistema sanitario como as da hepatite C e todo co fin último de salvagardar a sanidade pública e garantir o dereito a saúde”, salientou Pontón.
Para iso, a líder do Bloque pide ao PP que non boicotee o funcionamento da comisión proposta polas forzas da oposición. “Que sexa respectuoso, primeiro coas persoas que teñen dereito a unha sanidade de calidade, e despois coa democracia, que rompa coa etapa de insensibilidade e crueldade”, demandou, “porque non debe ter medo a investigar quen nada ten que agochar e quen di que non ten ningunha responsabilidade”.
Creación inmediata
BNG, En Marea e PSdeG rexistrarán de inmediato a creación da comisión para que poda ser abordada na vindeira xunta de portavoces. “Nunha semana pode entrar en funcionamento”, indicou a dirixente nacionalista, que avanzou algunhas das comparecencia que solicitará o Bloque.
A lista estará encabeza polo propio presidente da Xunta e do conselleiro de Sanidade, “porque Feixóo ten que explicar que política sanitaria está facendo para que na Galiza de 2018 unha persoa faleza en urxencias por falta de atención médica”. E sobre todo, solicitará a comparecencia de profesionais e usuarios.
“Queremos que nesa comisión se escoite a voz dos familiares de José Manuel Brei e doutras familiares de persoas falecidas, as voces de todos e todas as traballadoras da sanidade pública, colexios profesionais, colectivos en defensa da sanidade, persoal hospitalario, persoal dos PACs, asociacións de doentes.., que a comisión dea voz ao malestar social dos recortes e das privatizacións, e reverter a situación cun sistema sanitario non que a saúde das persoas prime sobre os números”, explicou Pontón,