Ana Pontón á conselleira de educación: "Urxe dar certezas ao alumnado e profesorado"
Pide a Educación que aclare os contidos avaliables nas probas da ABAU e manter o número de prazas, incluíndo as taxas de reposición, nas oposicións do ano 2021
Critica a política “errática” da consellería de Educación, non exercer as súas competencias, negar o diálogo coa comunidade educativa, falta de material telemático e unha fenda dixital que provocou graves problemas na teledocencia
Tras a comparecencia da conselleira de Educación, Carmen Pomar para explicar a xestión na crise da COVID-19, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu “dar certezas ao alumnado e profesorado, dar por rematado o curso, aclarar os contidos da ABAU, suprimir as taxas universitarias, e manter as prazas, coa inclusión das taxas de reposición, nas oposicións do 2021”.
Praafraseando a Paulo Freire, dixo Pontón, “a educación refaise constantemente na praxe. Para ser, ten que estar sendo”, e para a nacionalista , a “Consellería non está sendo” nunha crise que puxo en evidencia a necesidade de adaptación dun sistema educativo que non estaba preparado e que foi afrontado co esforzo do profesorado, o alumnado e as familias.
Política errática e improvisada
Dende o comezo da crise, afirmou a líder do BNG, a consellería de Educación tomou decisións “erráticas”. Nun primeiro momento con instrucións para garantir a presenza docente nos centros de ensino, despois suspender as aulas presenciais e mesmo obrigando ao profesorado a acudir ao centro sen alumnado ademais de deixar en mans das direccións “as decisións sobre as equipas educativas”.
Pontón acusou a Pomar de “fuxir” das súas responsabilidades, até o extremo, dixo, do “bochorno”, cando protestou porque o goberno central non invadía as competencias educativas da Xunta. A verdade, recalcou, esta situación debuxa “un goberno que prefire non responsabilizarse e ter alguén a quen botarlle a culpa. Toda unha caricatura de como entenden vostedes a autonomía”.
A portavoz do BNG tamén se referiu “a falta de diálogo da Consellaría” nun momento tan crítico e excepcional como o que estamos a vivir. “É incomprensíbel que a Xunta de Galiza non abra unha mesa de diálogo coa comunidade educativa, coas organizacións sindicais e as ANPAS para abordar o contexto actual e as medidas a adoptar no futuro inmediato”, criticou.
Ausencia de medios telemáticos no ensino
Mentres a conselleira traslada unha imaxe irreal, onde se di que todo discorre con normalidade, a realidade é moi diferente como reflicte o estudo realizado pola CIG-Ensino e publicado o 20 de abril no que destaca os enormes problemas que se están a producir por mor do confinamento como: “a fenda dixital, especialmente no rural, e as desigualdades sociais e económicas que fan que unha parte importante do alumnado non poida seguir as aulas por vía telemática”.
O estudo no que participación máis de 6.300 docentes, explicou Pontón, reflicte que o 61% do profesorado non pode conectar co alumnado pola fenda dixital e por razóns sociais e económicas. No 25% das aulas do profesorado que contestou ao cuestionario, a participación é inferior ao 30% e fronte a este dato, “só un 10% das aulas rexistran unha participación maior do 90%”. En máis da metade das aulas participa menos da metade do alumnado por problemas de “cobertura” ou desconexión por condicións socio-económicos. As familias teñen problemas para o manexo de dispositivos electrónicos e plataformas educativas. Moitos país e nais deben compaxinar o teletraballo co coidado das crianzas e non dispoñen de tempo para acompañalos nas actividades escolares ao que sumou situacións económicas complexas derivadas de ERTEs, despidos e peches de negocios familiares, etc.
Por outro lado, engadiu a nacionalista, a Xunta a penas distribuíu 1.000 ordenadores obrigando ao profesorado e equipas directivas a decidir “quen os recibía e quen non”. O profesorado tampouco contou co material adaptado e recursos para a teledocencia, “dous terzos do profesorado (66%) non recibiu ningún tipo de orientación sobre a adaptación das tarefas co cambio á teledocencia”. O terzo do persoal docente que recibiu orientacións afirma que foi sobre todo a través do resto do profesorado (52%), do propio centro (40%) e en menor medida, de fóra do centro (12%).
A consellería non aclara os contidos e condicións da ABAU
Esta situación de excepcionalidade precisa de medidas urxentes e por iso dende o BNG propoñemos: Establecer criterios “claros, equitativos e realistas”. Dar por rematado o curso a nivel curricular, favorecer a promoción de curso coas excepcións fixadas polo equipo docente en función da evolución do alumnado ao longo do curso, ciclo ou etapa, e que a interrupción da docencia presencial non afecte a esa promoción. O curso 2020-2021 debe ter en conta as circunstancias nas que rematou o curso actual e sobre todo, “establecer o diálogo entre a consellería e a comunidade educativa para abordar todas estas cuestión”.
A consellería debe aclarar o contido avaliable nas probas de acceso á Universidade, (ABAU) para o alumnado de 2º de BAC porque hai unha “enorme incerteza e preocupación entre o estudantado”. Preocupación e incerteza por se será posíbel desenvolver as probas o 7, 8 e 9 de xullo “con todas as garantías sanitarias”. Como ten previsto a Xunta resolver a ABAU, con que contido nas probas e temario? preguntou Pontón.
O BNG pide manter as prazas nas oposicións incluíndo as taxas de reposición
Para a portavoz nacional do BNG a consellería tardou moito tempo en decidir o futuro de miles de persoas convocadas ás oposicións. Neste sentido, lembrou que o BNG leva semanas demandando aprazar o proceso selectivo e agora, dixo, vostedes anuncian que será no 2021 polo que reclamou “manter o número de prazas convocadas e incluír a taxa de reposición nas vindeiras oposicións”.
Por outra banda, fixo fincapé na situación económica derivada da crise do COVD-19 que provocará dificultades en moitas familias para afrontar o acceso á universidade. O goberno debe facer “un esforzo excepcional para que calquera persoa que queira entrar na universidade poida facelo” e nesa liña propuxo: “Incrementar as bolsas e a súa contía e suprimir as taxas nas universidades públicas galegas”. Porque hai que reforzar o carácter público do ensino para formar “persoas libres e que contribúan ao benestar da sociedade galega”, concluíu.