Ana Pontón condena as detencións en Catalunya, “son unha aberración democrática”
“É un escándalo que se deteña a persoas por defender o dereito do pobo catalán a votar. O PP está pasando todas as liñas vermellas”
O BNG expresa a súa total condena polas detencións de altos cargos do Goberno de Cataluña ordenadas polo Executivo de Rajoy nun feito que cualifica de “aberración democrática”. Nunha primeira valoración da portavoz nacional desde Xenebra, a onde acudiu para presentar unha denuncia ante a ONU pola impunidade dos crimes do franquismo, Ana Pontón, acusou ao PP de “pasar todas as liñas vermellas”.
“Estamos a piques de rexistrar ante a sede da ONU en Xenebra a denuncia pola impunidade dos crimes do Franquismo e nos topamos coa nova que nos escandaliza e que nos recorda a esa longa noite de pedra que viviu o Estado español”, salientou, “e quero dicirlle ao señor Rajoy que a única aberración democrática é ver ao seu Goberno detendo a altos cargos de la Generalitat única e exclusivamente porque queren que a xente vote”.
Pontón traslada en nome do Bloque “a solidariedade máis firme a todas as persoas que están sendo perseguidas por defender ideas democráticas, a nosa solidariedade co pobo catalán e dicirlle que estamos coa man tendida para defender unha demanda e unha reivindicación xusta”, ratifica a dirixente do BNG. “O PP está pasando todas as liñas vermellas e o BNG vai denunciar esta situación en todos os ámbitos e vannos ter enfronte ante unha actitude que non é tolerable nun sistema democrático”, recalcou.
A dirixente do Bloque chama a atención sobre o feito de que no Estado español sexa legal facer apoloxía do franquismo e exaltar a figura do ditador, -o que motiva a denuncia que hoxe presenta o BNG ante a ONU-, mentres se persigue a responsables políticos por defender as súas ideas política e o dereito a colocar urnas e votar do pobo catalán.