Ana Pontón: “O compromiso do BNG é claro para este 28A, defender Galiza e frear a involución democrática”
Anima a votar “con ilusión” ao proxecto “sólido, unido e de man tendida” que o Bloque presenta a todas as persoas que levan Galiza no corazón
Apertura de campaña en Santiago co candidato ao Congreso, Nestor Rego
A portavoz nacional, Ana Pontón, abriu a campaña do BNG no corazón de Santiago xunto co candidato ao Congreso pola Coruña, Nestor Rego, lanzando como mensaxe o dobre compromiso da formación nacionalista de cara as eleccións do 28 de abril. “O compromiso do BNG é claro: defender Galiza e frear a involución democrática”.
Nun escenario sen maiorías absolutas, nas que cada voto vai ser decisivo, os deputados e as deputadas nacionalistas son garantía de que Galiza vai recuperar voz propia no Congreso e, ao mesmo, será freo “á dereita españolista que pretende levarnos ao pasado”. “Votar BNG é votar con ilusión a favor de Galiza, garantía de que imos condicionar a política do Estado para mellorar a vida dos galegos e das galegas e, ao mesmo tempo, é un voto a favor dos dereitos e das liberdades”, recalcou.
Pontón referiuse á cita do 28A como “unha oportunidade” que os galegos e as galegas van aproveitar para acabar coa discriminación a Galiza, optando por un BNG “que ofrece un proxecto sólido, unido e coa man tendida a todas as persoa que, nacionalistas ou non, queren que este país teña voz propia e forte en Madrid, sen subordinacións ás forzas estatais, vellas e novas, que agravian e decepcionan”.
A líder nacionalista amosouse convencida de que “o torrente de simpatía” cara o BNG vai en aumento, e que “moitos galegos e galegas van optar por unha forza que non ten que pedir permiso, tras o fiasco dunhas forzas estatais, as de sempre e as de agora, que demostraron que só veñen pedir o voto”.
“Este 28 e Abril os galegos e as galegas van dicir alto e claro, que xa está ben: que non queremos outros catro anos de sombra, que non aceptamos que nos traten como un país de segunda e que estamos fartos e fartas de discriminación e espolio”, salientou.
“Son cada vez máis as persoas que queren que as cousas cambien de verdade, que queremos outra vida, cun traballo digno, con dereitos, con dignidade, que queremos abrir un tempo novo e gañar a esperanza dunha vida mellor, aquí e agora”, recalcou a portavoz nacional do Bloque, animando a “sumar con ilusión” da man do proxecto que representa a candidatura nacionalista.
Segura da remontada
“Non fai falta ser nacionalista para votar ao BNG, o que fai falta é levar a Galiza na cabeza e no corazón, crer que é importante que sexamos determinantes no Estado da man dunha forza que defende os dereitos nacionais e sociais e garante ser freo desa dereitona carca que só trae involución”, salientou.
Segura da “remontada”, Pontón proclamou que o Bloque “vai a por todas porque moitos galegos e galegas van abrir un tempo novo confinado no BNG e imos estar á altura”, porque “merece a pena defender unha Galiza sen emigración, defender unha AP-9 galega e libre de peaxes, unhas rías saneadas, a devolución do patrimonio espoliado polo franquismo, un prezo xusto na factura da luz nun país rico en enerxía, defender a nosa cultura e o benestar deste pobo, defender o futuro da nación galega”, concluíu.