Ana Pontón comprométese a rematar a autovía entre Monforte e Lugo e as conexións do Porto Seco na próxima lexislatura
“Quero ser a presidenta dun goberno que poña en marcha os proxectos estratéxicos para o desenvolvemento do interior de Lugo”, asegurou
A candidata á Presidencia, Ana Pontón, asegurou este martes que quere ser “a presidenta do goberno que poña en marcha os proxectos estratéxicos para o desenvolvemento do interior de Lugo” e, neste sentido, comprometeuse a impulsar e rematar durante a próxima lexislatura a conexión por autovía entre Monforte e Lugo, unha infraestrutura que considerou “clave” para o desenvolvemento económico e social desta parte de Galiza.
Pontón fixo esta anuncio durante unha visita a Monforte, onde avogou por darlle ao interior do Pais “máis oportunidades e máis futuro” aproveitando todo o seu potencial con políticas de discriminación positiva no que ten que ver coa mobilidade, as infraestruturas ou a atracción de novas empresas.
De aí que outro dos seus compromisos sexa, segundo avanzou, finalizar as conexións do Porto Seco de Monforte, “porque é unha auténtica vergoña que leve dez anos paralizado, sen que se instale nin un absoluta empresa”, asegurou, criticando o “desleixo” e o “abandono” desta infraestrutura por parte das administracións. “O porto seco ten que ser un espazo referencial para a instalación de novas empresas”, apuntou.
A candidata do BNG, que visitou a empresa CTGalega en Monforte, avanzou que unha das medidas do seu goberno para apoiar o desenvolvemento do interior do País e diversificar a súa economía será a posta en marcha do Ticket Rural, que consistirá en axudas de até 15.000 euros anuais durante cinco anos para emprendedores que aposten por asentarse por este territorio.
Pontón estivo en Monforte acompañada da cabeza de lista por Lugo, Olalla Rodil, e o número dous da lista, Daniel Castro, que hoxe viviron en primeira persoa as deficientes comunicacións que sofre o interior do País e que a candidata á presidencia comprometeuse a mellorar se os galegos optan o 18F por un goberno de cambio liderado polo BNG.
Un dos obxectivos prioritarios no executivo do BNG será que todas as cidades galegas estean conectadas con servizos “que nos permitan ter unha mobilidade rápida” e “suplir a carencia que ten Lugo” dotando á cidade dunha conexión directa con Santiago de Compostela, subliñou este martes a candidata, que considerou esta conexión clave para a capital lucense “pero tamén para todo o interior do País”.
Viaxar de Lugo a Ourense, unha odisea
Rodil e Castro tomaron ás nove da mañá o tren que comunica Lugo con Monforte, dende onde tiñan previsto coller un autobús para poder chegar a Ourense, cidade na que comparecerían conxuntamente con Pontón e a candidata por Ourense, Noa Presas.
Sen embargo, unha avaría no tren provocou que chegaran cun retraso de dúas horas a Monforte, nun traxecto habitual de 50 minutos, o que ocasionou que perderan o enlace co autobús que tiñan previsto coller para chegar á comparecencia pública en Ourense. A solución que se lles ofreceu dende Renfe foi a de esperar 50 minutos máis para un traslado en autobús que os deixaría na capital das Burgas sobre as 12,35h.
“Para nós foi unha odisea, pero o peor foi toda a xente que viña con nós no tren que chegaba tarde ao seu traballo e nin sequera era a primeira vez que acontecía”, explicou Rodil. “Hoxe o que vivimos de primeira man foi o exemplo da falta de servizos e infraestruturas e a precariedade máis absoluta do que é o medio do século XXI, o tren, do que Lugo non pode quedar illado”, reivindicou nun vídeo compartido en redes sociais.