Ana Pontón comprométese blindar a sanidade pública nos primeiros cen días de goberno
Oferta pública de emprego para cubrir as 6.000 prazas vacantes no SERGAS e Plan de apoio á atención primaria con 200 millóns de euros
Critica a “frivolidade” de Feixóo co persoal sanitario que o deu todo na pandemia, e pregúntalle onde está o protocolo da Xunta en caso de rebrote, cuestión “urxente”
Na súa visita a Verín, Pontón recibiu emocionada un agasallo para a súa filla de catro meses e contou a anécdota de que por 48h no da a luz no hospital comarcal
A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, mantivo un encontro cos representantes da Plataforma Verín non se pecha, e persoal sanitario, aos que trasladou o seu “orgullo e admiración” pola mobilización en defensa da sanidade pública, ante unha veciñanza que saíu a rúa para loitar polos seus dereitos evitando o peche da sala de partos e da atención pediátrica urxente no hospital comarcal.
“Todo iso foi Verín non se pecha: unha mobilización exemplar da veciñanza plantando cara aos recortes na sanidade do candidato do PP e, desde aquí, pido estender o espírito e a rebeldía de Verín non se pecha a toda Galiza o 12 de xullo, se o facemos haberá cambio galego e por primeira vez un Goberno en clave de país liderado por unha muller e por unha nacionalista”, salientou, “Feixóo tivo a súa primeira derrota aquí en Verín con esta mobilización, fagamos que a segunda a teña nas urnas a noite electoral”.
Tras salientar que para o BNG foi “unha honra” estar man a man coa veciñanza na súa loita, Pontón reafirmou o total compromiso da formación nacionalista coa sanidade pública “porque nada hai máis importante que garantir o dereito a saúde das persoas con independencia da súa situación económica, e iso só se é posible cunha sanidade pública forte, libre de recortes e privatizacións. Un goberno do BNG vai reverter todos os recortes desta década do candidato do PP de acoso e derribo á sistema público de saúde”, recalcou.
Neste sentido, a candidata á Presidencia comprometeu dúas medidas de aplicación prioritaria. “Se os galegos e as galegas me dan o seu apoio para liderar o próximo goberno imos fortalecer a sanidade pública con dúas medidas a adoptar non primeiros cen días de goberno: cubrir as 6.000 prazas vacantes no SERGAS lanzando unha oferta pública de emprego inmediata e un plan de reforzo da atención primaria dotado de 200 M€”, indicou.
Unha das leccións que deixa a COVID19 é que só unha sanidade de calidade, con medios e co persoal necesario vai permitir facer fronte a esta pandemia e a outras que poidan vir no futuro, alegou, tras criticar os recortes do candidato do PP que hai que reverter.
“Feixóo pechou camas, deixou no chasis a atención primaria, recortou persoal e precarizou as condicións laborais do persoal sanitario até extremos tan disparatados que hai profesionais que asinan centos de contratos ao ano, de días e até de horas, un persoal que o deu todo, arriscando mesmo a súa saúde, para salvar vidas durante a pandemia”, salientou e ao que Feixóo responden con ocorrencias “indignas” como o bono de 250€ para gastos en ocio.
“Un xesto indigno que foi contestado con dignidade polos profesionais dicindo que non queren propinas senón un sistema de saúde público forte e libre de precariedade”, recalcou Pontón.
Como actuar en caso de rebrote?
A líder nacionalista tamén puxo o foco nunha cuestión que considera de enorme importancia relacionada coa posibilidade dun rebrote unha vez que hai mobilidade entre todo o territorio do Estado, sen que por parte do candidato do PP se teña explicado cal é o protocolo ou plan de actuación para minimizar o efecto de calquera novo foco de contaxio e evitar erros recentes.
“Onde está o protocolo da Xunta para actuar en caso de algún rebrote? O Goberno proclama que Galiza é destino seguro, pero os galegos e as galegas tamén queremos que Galiza sexa un lugar seguro paras as persoas que vivimos e traballamos aquí e o menos que se pode esixir é que o Goberno do PP teña un protocolo claro para saber como actuar de inmediato ante un rebrote: non pode seguir botando balóns fora cando se trata da saúde das persoas”, demandou Pontón.
Tras o encontro coa plataforma, profesionais da sanidade e veciñanza, -no que tamén participou a cabeza de lista por Ourense, Noa Presas, e o tenente de alcalde, Diego Lourenzo-, Pontón recibiu una agasallo para a súa filla de catro meses, -un body coa lenda mama-presidenta-, que agradeceu emocionada e compartindo unha anécdota: “a miña filla non naceu en Verín por 48 horas, porque dous días antes de que se adiantara a súa chegada tiña na miña axenda vir ao Hospital comarcal de Verín precisamente a trasladar o total apoio do BNG para que a sala de partos seguise aberta”.
Sanidade cerca das persoas, reforzo dos hospitais comarcais
Pontón concluíu a xuntanza co compromiso de que o BNG asume o 100% das reclamacións de Verín non se pecha.
“Lonxe de desmantelar hai que reforzar os servizos do hospital comarcal e así o faremos, porque unha sanidade de calidade tamén pasa pola proximidade aos usuarios e usuarias, e as mulleres desta comarca teñen dereito a parir aquí coas máximas garantías, se ter que desprazarse cen quilómetros por estrada, e as familias desta comarca teñen dereito a que os seus fillos e fillas sexan atendidos aquí se teñen unha urxencia pediátrica. Tende a seguridade que un Goberno liderado polo BNG reforzará os servizos dos hospitais comarcais”, concluíu.