Ana Pontón compromete o mellor goberno de todos os tempos fixando como prioridades a reactivación económica, a creación de emprego e o benestar social
“Quero deixar atrás o tempo das promesas e a propaganda para abrira paso aos feitos e ao compromiso cumpridos”, avanzou a candidata á Presidencia
Promete erradicar calquera tipo de favoritismo e clientelismo: “Acabouse gobernar a favor dunha minoría, gobernarei sempre para a maioría social”
A candidata á Presidencia, Ana Pontón, inicia a última semana de campaña explicando á cidadanía a estrutura do goberno que aspira liderar se ten a confianza dos e das galegas, así como os principios que guiarán tanto o exercicio da Presidencia como o propio executivo.
Pontón amosouse convencida de que o cambio é imparable e que cada día son máis as persoas que teñen as súas esperanzas postas no BNG para abrir un tempo novo e poñer en marcha unha Galiza mellor, asegurou. “Cada día que pasa é máis evidente que o 18 de febreiro só hai dúas alternativas: ou un goberno do PP con Alfonso Rueda de presidente, ou un goberno liderado polo BNG con Ana Pontón como presidenta”, resumiu.
Ante esta disxuntiva, quixo explicar con claridade á cidadanía as principais liñas que guiarán o exercicio da Presidencia e a organización do goberno. O primeiro que subliñou a súa intención de cambiar o concepto de gobernanza: “Pasar de estar no goberno a ser goberno, porque non se trata de ocupar o Goberno da Xunta, senón de actuar como goberno para saír da inercia e transformar a realidade”.
Neste sentido, comprometeuse a darlle a Galiza “o mellor goberno de todos os tempos”, coas persoas “máis capaces, ilusionadas e dispostas a facer avanzar o País”, desde a pluralidade da sociedade. “Non quero un goberno de persoas acríticas e sen iniciativa”, dixo, senón un Consello da Xunta “dinámico e participativo, con homes e mulleres brillantes, quero rodearme das mellores o dos mellores porque o que está en xogo é darlle futuro a este País e á súa xente”, engadiu.
En terceiro lugar, transmitiu á cidadanía a súa vontade de exercer a Presidencia sen prometer imposibles, recalcou, “para deixar atrás o tempo das promesas e da propaganda e dar paso ao tempo dos feitos e dos compromisos cumpridos”. Nesta liña, avanzou a súa determinación de abrir unha nova etapa cun goberno centrado en dar solucións aos problemas que preocupan á maioría, como sanidade, educación, o coidado dos maiores, a vivenda ou o emprego de calidade para chegar a fin de mes.
En definitiva, “abrir unha nova etapa para poñer ao País a producir dende a ciencia e a innovación, cun rural vivo e facer posible unha Galiza con oportunidades na que a igualdade e os dereitos das mulleres serán unha prioridade de goberno”.
Pontón proclamou que o seu goberno actuará coa máxima xustiza e equidade coa cidadanía, empresas e co resto das administracións garantindo a igualdade de oportunidades. Así, exemplificou este compromiso contra calquera tipo de discriminación na relación coas administracións locais: “Todos os concellos serán tratados por igual, non vou distinguir por siglas, ao contrario, todos os galegos e as galegas van recibir o mesmo trato con independencia da cor política do seu concello”, aseverou.
A candidata do BNG recalcou que erradicará “calquera tipo de favoritismo e de clientelismo” nas relacións coa sociedade, cos axentes sociais e coas institucións. “Acabouse gobernar a favor dunha minoría ou dun grupo de presión”, destacou para avanzar que este será o fin das portas xiratorias. “Como presidenta a cidadanía deste País pode ter a tranquilidade de que o interese público sempre estará por riba do interese particular”, garantiu.
Unha Xunta transversal, sen compartimentos estancos
En relación á estrutura de goberno, adiantou que estará asentada en dúas grandes áreas que impulsarán toda a acción da Xunta de xeito “transversal e coordinado”, co obxectivo de superar a concepción de “compartimentos estancos” para pasar a unha estrutura que desenvolva un proxecto ambicioso de País desde unha visión integral. As dúas áreas estruturais serán a de sectores produtivos e de recursos naturais, política económica e emprego; e a de política social, servizo públicos, benestar e calidade de vida.
Pontón avanzou que estas dúas áreas estarán directamente coordinadas dende a Presidencia, cun protocolo de traballo que incluirá reunións mensuais para determinar estratexias de actuación, reunións que convivirán co encontro semanal do Consello da Xunta.
A candidata non quixo facer ningún tipo de referencia a nomes ou departamentos concretos antes de que a cidadanía se pronuncie nas urnas, “sería un atrevemento”, alegou. “Quero darlle a xente o mellor goberno de todos os tempos para facer avanzar Galiza, co compromiso de ser unha presidenta que trate a todas as persoas con xustiza e con igualdade, sen distinguir cor política, sen ningún tipo de discriminación”, sintetizou a candidata do Bloque, que concluíu, pedindo desde a humildade a confianza dos galegos e as galegas para ser a súa presidenta, “ e demostrar que podemos poñer en marcha unha Galiza mellor”.