Ana Pontón compromete un Goberno que traballará para mellorar a mobilidade de Culleredo coa área metropolitana
Avanza que un Executivo liderado polo BNG “cumprirá” co concello e reforzará os servizos públicos, comezando pola sanidade e a educación
A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, participou nun acto aberto en Culleredo dentro dos actos públicos de precampaña, onde aproveitou a súa intervención para destacar algunhas das medidas para este concello que ten previsto desenvolver o Goberno que aspira a presidir.
Pontón avanzou o seu compromiso de que un goberno do BNG “vai cumprir con Culleredo” que, segundo dixo, terá nela unha aliada para mellorar a vida da xente “empezando polo importante, por reforzar os servizos públicos como a sanidade e a educación”.
Así mesmo, tamén adiantou que se obtén a confianza dos galegos e das galegas o próximo 18 de febreiro, o seu Executivo traballará para mellorar a mobilidade, concretamente mellorando as conexións por tren e por estrada desde Culleredo coa Coruña e toda a súa área metropolitana.
Neste sentido, considerou fundamental mellora a conexión por tren a través da liña que une A Coruña con Ferrol pasando por Betanzos, o que permitirá ofrecerlle á veciñanza unha mobilidade fiable “para a conexión con estas cidades desde os concellos da área metropolitana da Coruña”.
A líder nacionalista reafirmou o seu compromiso con Culleredo e os concellos da área metropolitana coruñesa e, neste sentido, recordou que os únicos investimentos en infraestruturas de servizos de benestar no municipio foron aprobados no seu día polo BNG á fronte das políticas de Igualdade e Benestar.
Lembrou ademais que dende a inauguración do centro de día do Burgo e das escolas de educación infantil do Burgo e Vilaboa, non se creou unha soa praza pública de educación infantil, nin unha soa praza pública en centros de día “e, por suposto, nin unha soa praza pública nas inexistentes residencias de maiores”, denunciou en referencia ao nefasto balance que deixa o PP logo de 15 anos de goberno.
Mobilización e concentración do voto de cambio no BNG
Nesta liña, Pontón apelou a abrir un tempo novo no País a partir do 18 de febreiro mobilizando esa maioría social “que quere cambio” e concentrando todo ese voto no Bloque porque, segundo recalcou, “somos a alternativa real e a única forza con capacidade para derrotar ao PP”.
A candidata nacionalista cualificou estas eleccións galegas como ás máis importantes dos últimos tempos, unha cita electoral na que, dixo, “só hai dúas alternativas”. Ou un Goberno do PP, co candidato Rueda, “que nos deixa unha Galiza peor e máis pequena” e que é capaz de mentirlle á cidadanía ante un desastre ambiental como o dos pellets plásticos; ou “un goberno liderado polo BNG, cunha presidenta preparada para poñer en marcha unha Galiza mellor”.
Neste sentido, amosou o seu convencemento de que “hai partido” e afirmou que dende o Bloque “saímos a gañalo”. “Imos derrotar ao PP o 18 de febreiro porque hai unha maioría social que quere cambio e que ve no BNG a súa alternativa para conseguilo”, incidiu.
Pontón avanzou o País que aspira a construír como presidenta, unha Galiza produtiva no mar e na terra, cun goberno que defenda os intereses do sector do mar, impulse a industria e que aposte pola ciencia e pola innovación porque, segundo afondou, “queremos competir no mundo desde o coñecemento, non con salarios baixos e empregos precarios”. “Quero ser a próxima presidenta para poñer en marcha esta Galiza posible e está na nosa man facelo posible”, concluíu.