Ana Pontón compromete un goberno que sinta orgullo do galego e aposte por darlle futuro no social, no económico, no cultural
Un goberno do BNG recuperará o galego como lingua vehicular no ensino para reverter a tendencia de ser o único idioma do Estado que perde falantes
Encontro con novos creadores e creadoras de contidos en galego nas redes sociais de maior impacto entre a mocidade
O galego non ten límites e idioma propio pódese triunfar en todos os ámbitos, desde a música a elaboración de contidos nas redes sociais, pero precísase un goberno que a coide, que a potencia e que lle dea o lugar que lle corresponde dentro e fora de Galiza, desde o orgullo da nosa lingua e cultura.
“Ese é o goberno que quere ser o BNG, un goberno que leve con orgullo ter unha lingua propia”, sintetizou a portavoz nacional, Ana Pontón, nun acto con novos creadores e creadoras de contidos en galego nas canles de maior impacto entre a xente moza, como TikTok, en vésperas da celebración do Día das Letras Galegas.
“Apoiar lingua e a cultura propias e tamén apoiar o desenvolvemento persoal, benestar, alegría, pero tamén social e económico, -explicou-, por iso queremos máis futuro para o galego, impulsar un novo marco de igualdade lingüística no que ningunha persoa se vexa obrigada a superar barreiras en función da lingua que fale”.
Nese sentido, para Pontón, o traballo de creadores e creadores de contidos das novas xeracións é unha mostra de que “a nosa lingua non ten límites”. A líder do Bloque tamén puxo énfase no empuxe internacional do galego “conectándose co mundo da lusofonía”, un amplísimo espazo cultural e lingüístico no que idioma propio pode progresar.
“Un goberno do BNG tería entre as súas prioridades nesta materia apoiar o galego no ámbito da creación audiovisual, porque é unha das linguaxes do presente e do futuro”, recalcou, con propostas como a creación dunha canle temática específica na TVG para contidos infantís e xuvenís, “con dúas vantaxes: darlle os nenos e as nenas unha oferta audiovisual en galego e desenvolver o potencial creativo nese campo”.
Pontón tamén explicou que un goberno do BNG derrogará o denominado “decreto da vergoña”, con efectos letais para o idioma pois é o único de todo o Estado que está a perder falantes, para devolverlle ó galego a condición de lingua vehicular no ensino. Hai que rematar, alegou, coa situación actual na que a escola se ten convertido nun elemento desgaleguizador, con nenos e nenas que entran falando galego e saen falando en castelán.
“Hai que conseguir algo tan básico como o que se recolle no Estatuto, que calquera neno ou nena teña pleno dominio das linguas oficiais, pero sabemos que hoxe hai un problema co coñecemento do galego, non o di o BNG senón a Real Academia Galega e, desde a colaboración e consenso co sector educativo, queremos converter a escola nunha garantía de que as xeracións do futuro van coñecer o galego e, por tanto, van ter a liberdade de poder usalo se así o queren”, explicou.
Para a portavoz do Bloque, o galego ten que ir máis aló do ámbito cultural e de creación, “ten que estar tamén no ámbito da economía” e, neste sentido, un goberno do BNG traballará para que a propia lingua teñan un carácter transversal e sexa de uso común en todos os ámbitos. “Ten que estar tamén na empresa, na industria, tanto como un elemento de orgullo como desde o potencial económico que aporta un idioma propia”, subliñou.
Pontón insistiu en que estamos ante un cambio de ciclo, un cambio galego con dúas alternativas, a dun PP que representa o pasado e a dun BNG que representa o futuro e que conta cun proxecto de goberno para construír unha Galiza mellor tras trece anos de “declive”. A líder nacionalista destacou, a preguntas dos medios, que “cortesía toda, cen días e 300 días”, pero lembrou que o novo presidente da Xunta leva trece anos no goberno, “tempo suficiente”.