Ana Pontón compromete ante COCEMFE todo o apoio do BNG para facilitar a inclusión das persoas con discapacidade

Encontro CONCEMFE

Apoia a creación dun fondo estatal para sufragar obras de accesibilidade en vivendas colectivas nas comunidades veciñais con escasos recursos, “porque a vivenda non pode converterse nun cárcere”

Defende a inclusión de fisioterapia como servizo nos centros de atención primaria e regular laboralmente a figura do asistente persoal

A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro en Madrid co presidente de COCEMFE, Anxo Queiruga, entidade que traballa pola plena inclusión e participación social das persoas con discapacidade física e orgánica, e que integra a cerca dun cento de entidades, entre elas a galega COGAMI, cuxo traballo foi posto en valor pola líder do BNG.

“Agradecerlles o labor que fan en defensa dunha sociedade igualitaria, porque non podemos esquecer que estamos falando de garantir dereitos básicos como facilitar unha vida independente e o máis inclusiva posible das persoas con discapacidade, de evitar que sexan discriminadas e, por iso, urxe poñer en marcha unha axenda que nos permita avanzar”, salientou Pontón tras o encontro.

Neste sentido, comprometeu o total apoio do BNG ás demandas de COCEMFE, empezando pola necesaria modificación da Lei de propiedade horizontal, para eliminar calquera traba á realización de obras de accesibilidade para garantir a mobilidade de persoas con necesidades específicas nas zonas comúns dos edificios, o que suporía un gran avance na súa calidade de vida.

De feito, a propia entidade estima que no conxunto do Estado hai unhas cen mil persoa que non poden saír das súas vivendas por falta de accesibilidade nos inmobles nos que residen. Para iso, a formación nacionalista apoia a creación dun fondo estatal de accesibilidade que facilite o financiamento nas comunidades veciñais con menos recursos e, polo tanto, poda facer efectivo o dereito á mobilidade, “porque a túa propia casa non pode converterse nun cárcere”, salientou Pontón.

Agora que no Congreso se está debatendo a Lei de Vivenda é un bo momento para que se leve adiante unha modificación que garanta a accesibilidade nas vivendas de miles de persoas en Galiza e no Estado.

A accesibilidade nas vivendas, subliñou Pontón, non é só un ben para as persoas con dificultades de mobilidade senón tamén para o conxunto da cidadanía nas distintas etapas da súa vida, como as persoas maiores, ou cando circunstancialmente as persoas teñen restrinxidas a súa mobilidade. “COCEMFE e todos os colectivos que integran esta entidade leva máis de trinta anos reivindicando o mesmo, é hora de pasar das promesas ós feitos”.

A segunda cuestión relevante abordada no encontro con Anxo Queiruga e o seu equipo foi como garantir a autonomía das persoas con necesidades específicas sen que iso supoña abandonar o seu fogar e, nese camiño, “urxe unha regulación laboral do asistente persoal que permita que esta sexa unha figura non excepcional, para quen teña recursos, senón que sexa a normalidade e estea a disposición de todas as persoas que o necesiten”, indicou.

 

Un terceiro aspecto que o BNG considera importante dentro dunha axenda pola igualdade dos dereitos das persoas con discapacidade pasa por impulsar o novo decreto para a valoración da discapacidade, “para que sexan recoñecidas moitas discapacidades que hoxe quedan fora dese recoñecemento e, por tanto, das axudas da que poderían beneficiarse. Lévanse demasiados anos falando da necesidade de aprobar ese decreto e toca que se faga efectivo”, recalcou a portavoz nacional.

“O BNG vai traballar en todas estas cuestións no ámbito institucional tanto a nivel galego como estatal, imos impulsar esta axenda a favor das persoas con discapacidade física e orgánica, -260.000 en Galiza-, de como facer efectivo o dereito a desenvolver a súa vida de maneira independente, autónoma e en igualdade de condicións porque as barreiras non están nas persoas, as barreiras están na sociedade e esas son as que nós queremos derrubar”, destacou Pontón.

Se ben se teñen dado avances, “a día de hoxe seguen existindo demasiadas barreiras legais, físicas e sociais que impiden que as persoas con discapacidade desenvolvan a súa vida con normalidade. Polo tanto, estamos falando de dereitos, de igualdade e de inclusión”, subliñou.

Neste sentido, o BNG levou xa ó Parlamento a ampliación da carteira de servizos na atención primaria para aumentar o catálogo de servizos incluíndo, por exemplo, fisioterapia, “imprescindible para moitas persoas de tal xeito que, ter ou nou este servizo, marca a diferencia na calidade de vida e mesmo en ganar anos de vida”, indicou a líder do Bloque.