Ana Pontón compromete no Carballiño unha aposta polo tren de cercanías capaz de aportar dinamismo económico e social ao concello e comarca
“É unha barbaridade que só haxa un tren para ir do Carballiño a Ourense e se queres facer a viaxe de volta tes que espera ao día seguinte”, salientou
O BNG aposta pola creación do GALTREN para xestionar desde Galiza este medio de comunicación e frear o desmantelamento do servizo como pase no Carballiño
Por iso, saliento a líder nacionalista, o BNG fai unha aposta decidida polo transporte por tren, cun servizo de cercanías con horarios e prezos acaidos, que permita conectar aos principais concellos coa capital de provincia.
“Temos claro que non podemos permitir que se desmantele o tren e que é unha auténtica barbaridade que hoxe teñamos un concello como O Carballiño no que para ir a Ourense só hai un tren, e que para facer a viaxe de volta teñas que esperar ao día seguinte, un disparate que non é froito da casualidade senón que responde a un plan premeditado para desmantelar os servizos ferroviarios de proximidade”, criticou Pontón.
Por contra, o Bloque presenta un programa de goberno no que fai unha aposta clara polo tren como medio de transporte, capaz de xerar dinamismo económico e social e de vertebrar o territorio, por un concello, unha comarca ben comunicados multiplica as súas oportunidades.
“Defendemos que as vilas e a cidade de Ourense teñen que estar conectadas por ferrocarril, temos vías e temos capacidade suficiente como para manter este servizo que é básico se queremos evitar que o interior de Ourense se siga despoboando, porque estamos ante un círculo vicioso: vaise hai xente porque non hai servizos e cada vez hai menos servizos, argumentou.
Neste sentido, como iniciativa concreta, o BNG ten prevista a creación do GALTREN, un organismo público para a xestión do transporte ferroviario do país como xa teñen outros territorios, capaz de impulsar o transporte por tren“e darlle un valor engadido e máis oportunidades a unha vila como Carballiño e a súa comarca, a través dun medio de comunicación sostible e democrático”, concluíu, na súa visita a este concello xunto coa cabeza de lista por Ourense, Noa Presas, a portavoz municipal, Sofía García, e outros responsables locais.