Ana Pontón compromete que un BNG decisivo no Estado “fará posíbel que haxa unha solución para ALCOA”
Rego proporá no Congreso a semana laboral de 35 horas, recuperar a xubilación aos 65 e incrementar as pensión máis baixas. “Non se trata só de recuperar dereitos, hai que melloralos”, alega
Compromiso de derrogar as contrarreformas laborais e a lei mordaza, nun encontro con delegados e delegadas na CIG na Coruña
Con 400 empregos na picota en ALCOA e 5.000 postos de traballo en risco no sector industrial polos custes enerxéticos, a portavoz nacional, Ana Pontón, e o candidato ao Congreso pola Coruña, Nestor Rego, mantiveron un encontro con delegados e delegadas da CIG da comarca coruñesa, especialmente afectada pola “invernía industrial” de Galiza.
“A partir do 28 de abril vanse tomar decisións que marcarán o futuro industrial da comarca da Coruña e de Galiza, e temos claro que un BNG decisivo é clave para que haxa solucións para os problemas que ten o desenvolvemento industrial do noso país e un BNG decisivo fará posible que haxa unha solución para ALCOA”, salientou Pontón.
Solución que pasa, dixo, por conseguir unha tarifa para as industria electrointensivas “que sexa estable e predicible no tempo e competitiva”, para acabar co disparate de ter miles de empregos en xogo polos custes enerxéticos nun país que produce electricidade a esgalla. Unha riqueza da que tamén deben beneficiarse familias e empresas que agora soportan un “espolio enerxético”.
“Mentres as eléctricas se fan de ouro, 400 traballadores e traballadoras teñen o corazón nun puño pendentes dunha conta atrás na que se xogan o seu futuro e o dos seus fillos e fillas”, salientou Pontón. Para o Bloque é clave poñer en marcha cambios “que lle dean futuro a toda a capacidade produtiva do país”.
Tamén fixo fincapé en que os escanos nacionalistas servirán para defender os dereitos laborais da clase traballadora, despois de ver como nunha lexislatura sen maioría da dereita, “quedaron intactas as contrarreformas laborais que están condenando á precarizando, salarios de miseria e coberturas sociais insuficientes a moita xente deste país”.
Neste sentido, o candidato Nestor Rego salientou a importancia de ter peso político no Estado tamén para defender os dereitos da clase traballadora galega. “É fundamental que haxa unha voz propia en Madrid que leve ao Congreso a voz da maioría social do país, que use a súa forza para, nun escenario onde cada voto será decisivo, se derroguen as contrarreformas laborais de PP e PSOE, se derrogue a reforma das pensións para recuperar a idade de xubilización ordinaria aos 65 anos e a parcial aos 61 anos ou para que que se suprima a Lei mordaza”, explicou.
Igualmente, Rego pediu o voto par ao Bloque “para seguir avanzando en dereitos, por exemplo na redución de xornada laboral a 35 horas sen perda de salario, ou na subida do SMI e das pensións até o 60% do salario medio, que se situaría arredor de 1.150€”, citou a modo de exemplos porque, alegou, “non só hai que recuperar os dereitos perdidos senón que hai que seguir avanzando”.
Igualmente, comprometeu políticas activas de emprego que acaben coa sangría migratoria. “Para todo iso Galiza ten que recuperar voz propia o 28A”, concluíu. Tras o encontro cos delegados e delegadas sindicais, Pontón e Rego mantiveron un encontro con representantes do cadro de persoal e Isowat, onde están en risco 80 postos de traballo.