Ana Pontón coloca a Feixóo no pasado fronte a un BNG capaz de darlle a Galiza “o futuro prometedor que merece”
“Deixa un país no que a maioría vive peor tras os seus dez anos de goberno, unha Galiza bonsai e nós queremos unha Galiza forte como un carballo”
ronte ao bipartidismo que discrimina a Galiza, a alternativa é o BNG, “a única forza coas mans libres para defender os intereses dos e das galegas”
Economía e emprego, financiamento, servizos públicos, violencia machista, cambio climático e autogoberno centran as proposta do Bloque
Para a portavoz nacional, Ana Pontón, o debate do estado da nación evidenciou que Feixóo representa a un goberno “esgotado, sen proxecto, que deixa Galiza na irrelevancia política”, de feito, a falta de alternativa é tan clara que o propio inquilino de Montepío, -recalcou-, “sabe que este foi o seu último debate como presidente e pretende enmascarar o seu fracaso coas mesmas promesas de sempre e escondéndose detrás da situación do Estado. Pero Galiza merece algo máis, ten que mirar ao futuro e vostede representa o pasado”.
E para ter futuro, salientou a líder nacionalista, Galiza precisa na Presidencia unha persoa “que coñeza a realidade do cada día da xente do país, merece un goberno que confíe no país, un goberno transcendente, con voz propia en Madrid, que se fixe como obxectivo poñer o país a pleno rendemento. Ese é o compromiso que no BNG adquirimos neste debate con todos os galegos e as galegas: traballar para gañarnos o futuro prometedor que Galiza merece”.
Antes de entrar no balance da xestión de Feixóo, Pontón fixo unha tripla reflexión. Primeira, que o actual inquilino de Montepío converteu a Xunta nun táboa de salvación persoal e do PP, e ante a falta de proxectos “recorre ao baúl dos recordos recuperando vellos proxecto de Fraga da década dos 90”. “Estamos na Galiza do século XXI”, recordou.
Como segunda reflexión, o Executivo do PP fixo que este país se mova entre a “insubmisión e a intranscendencia” con consecuencias nefastas e, terceira, Galiza ten futuro pero urxe mudar o foco político e romper co círculo de dependencia con Madrid.
“Galiza non conta para o bipartidismo que se alterna no goberno do Estado e a única maneira de cambiar o guión é que ese goberno sexa condicionado por un partido coas mans libres para defender os intereses dos e das galegas sen pedirlle permiso a ninguén. Esa forza política é o BNG”, proclamou, diante dun Feixóo “que calou” ante a discriminación de Raxoi e que agora usa Galiza contra Pedro Sánchez por oportunismo do PP.
“Necesitamos superar a política sometida a Madrid, porque de aí non vai vir solución aos nosos problemas, de forzas estatais que demostraron frivolidade e incompetencia, pero a cidadanía galega non ten que resignarse porque o Bloque demostrou altura de miras e rumbo claro”, argumentou.
Cascada de crisis
No balance da década de goberno de Feixóo, Pontón concluíu “que deixa un país minguando, empequenecido, unha Galiza peor que a que recibiu, na que a maioría social vive peor tras os seus dez anos de goberno. Non queremos a súa Galiza bosai, no BNG queremos unha Galiza forte como un carballo, con raíces sólidas que aporten riqueza, progreso e benestar social”, declarou para definir a herdanza de quen deixa o país sumido nunha cascada de crisis.
Crise demográfica, no económico, no estado do benestar, crise ambiental e no autogoberno. En termos de poboación, os datos son peor que nunca, tras a emigración de 200.000 mozos e mozas, “e non se van mellorar con propaganda e caixas finesas”. No ámbito económico e industrial unha crise que ten en risco miles de empregos polos custes enerxéticos, a deslocalización, a desaparición ou a perda da galeguidade de empresas emblemáticas e que tamén afecta os principais sectores produtivos.
Acoso os servizos públicos
Acoso aos servizos públicos, unha política social “que depende da chequera dun millonario”, listas de espera que medran, recursos insuficientes para a sanidade, educación ou dependencia, un modelo de financiamento discriminatorio, incumprimento da lei de normalización lingüística ou da lei de violencia machista, desaparición das caixas ou os lumes como primeiro problema ambiental foron algunhas das “sombras” que deixa a década “negra” de goberno Feixóo, que se completa cunha crise de autogoberno que se resume nun dato: dez anos, cero competencias.
Indo máis aló da estratexia do xefe do Executivo, “que en lugar de solucións só busca a quen botarlle a culpa”, Pontón puxo sobre a mesa algunhas das propostas do BNG.
Concerto económico e status de nación
En materia de financiamento, “a solución non é mendigar 700 M€ senón que Galiza teña a chave dos seus cartos” e, aínda que o Bloque defende un concerto económico, propón a creación dunha comisión de estudo no Parlamento para consensuar unha alternativa de país. O mesmo en materia de autogoberno, urxe conseguir un novo status no que se recoñeza a Galiza como nación, e para iso aposta por constituír unha ponencia na Cámara para abordar este asunto clave.
Propuxo reclamarlle ao Estado 2.000 M€ orzamentados pero non investidos e 200 M€ que debe en dependencia, “terá o noso apoio”. Activar unha axenda galega a defender no Estado, consensuar un Pacto galego pola ciencia, financiado co 3% do PIB, conseguir unha tarifa eléctrica galega, trasladar ENCE, incrementar os recursos para a loita contra a violencia machista ou aprobar un decreto que garanta a igualdade do galego no ensino foron tamén propostas que Pontón quixo destacar. Neste sentido, pediu a Feixóo que rache cos pactos “vergoñentos” coa extrema dereita que nega a violencia de xénero, concluíu.