Ana Pontón coloca Euskadi como exemplo de como o autogoberno e a confianza nas propias forzas fai prosperar a un País
Encontro co lehendakari Iñigo Urkullu con quen intercambiou impresións sobre a situación política e abordou proxectos estratéxicos como o modelo de financiamento do concerto económico ou o modelo de ciencia e innovación articulado entorno ao Ikerbasque
A líder nacionalista salientou que o obxectivo do BNG é liderar o Goberno da Xunta cun proxecto centrado na defensa de Galiza libre de supeditacións ao centralismo
A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro institucional co lehendakari Iñigo Urkullu, no que analizaron proxectos estratéxicos que desenvolve o Goberno vasco nunha xuntanza tras a que destacou que Euskadi é un exemplo de como maximizando o autogoberno, de como confiando nas propias forzas e fuxindo do centralismo se fai prosperar un País.
“Euskadi é un exemplo de como o autogoberno é fundamental para avanzar, confiando nas propias forzas e potencialidades, sen supeditarse ao centralismo político de Madrid”, salientou Pontón, tras a reunión na Lendakaritza, citando como exemplos dese autogoberno a autonomía financeira que se deriva do concerto económico ou a aposta pola ciencia e a innovación que representa o Ikerbasque, propostas que o BNG defende en Galiza coa creación do INNOGAL ou a xestión directa do 100% dos recursos para establecer as prioridades de investimento.
“Ter o 100% dos recursos que xera o País a través dun concerto económico, que desde Galiza teñamos a xestión dos ingresos e se decida desde aquí cal é o destino que lle se da a eses recursos, en base as necesidades e as prioridades que se establezan desde Galiza e non desde Madrid”, argumentou. Pontón subliñou que ese é o obxectivo do BNG “gobernar Galiza sen ataduras nin supeditacións de ningún tipo, só pensando nos intereses dos galegos e das galegas”.
O mesmo cando se trata de cuestións estratéxicas como a aposta pola ciencia e a innovación, “un elemento crucial para o desenvolvemento en clave de futuro”, porque unha aposta decidida pola I+D+i é imprescindible para unha Galiza de vangarda.
Pontón e Urkullu tamén intercambiaron impresións en relación á situación política actual e sobre o papel das forzas nacionalistas, “fronte a involución democrática do centralismo”, considerou clave reforzar o do BNG tanto no Estado como en Galiza.
Neste sentido, Pontón indicou que o reto e o obxectivo do BNG é liderar o Goberno da Xunta e abrir un tempo novo en Galiza da man dun Executivo presidido polo Bloque, que teña como único referente a defensa dos intereses dos e das galegas, “libre de supeditacións ao centralismo madrileño”.
No encontro, Pontón destacou os lazos entre Galiza en Euskadi, “eu mesma teño moita familia no País Vasco”, confesou, así como o feito de que ambos territorios teñan a súa propia historia, cultura e idioma. A xuntanza, que a líder do Bloque valorou como moi positiva, interesante e cordial, empezou cun intercambio simbólico de agasallos, un ensaio sobre o pobo vasco por parte do lehendakari e unba escultura de Rosalía de Castro por parte da líder do BNG, que o presidente Urkullu recibiu declarando que xa tiña visitado a súa fundación en Padrón.
A axenda da portavoz nacional en Euskadi continúa esta tarde cun encontro coa dirección da asociación Ad Concordiam, que promove o coñecemento do sistema vasco de financiamento, encontro no que participará o seu presidente e deputado de Facenda e Finanzas da Deputación Foral de Bizkaia, José María Iruarrizaga, e o deputado xeral de Bizkaia, Unai Rementería, mentres que pola delegación do BNG estará a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, e Rubén Cela desde a Área de relacións exteriores da Executiva nacional.
Na xornada do mércores 2 de marzo, a portavoz nacional, previa entrevista na EITB, manterá unha reunión co equipo de dirección do Ikerbasque, organismo que xestiona os centros de ciencia e investigación de Euskadi, para coñecer de primeira man o seu funcionamento, tendo en conta que o BNG ten entre as súas propostas en materia de I+D+i a creación do INNOGAL. O encontro será co responsable da xestión, Iñigo Atxutegi; e co director científico, Fernando Cossio.