Ana Pontón coloca o BNG como a garantía de defensa dun futuro para ALCOA fronte ao sucursalismo de PP-PSOE
Ironiza sobre a visita de “turismo electoral” de Casado e a ausencia dun Feixóo que quere agochar o seu papelón co sector das electrointensivas
Presenta a candidatura liderada por Ollala Rodil como un “equipazo” capaz de ilusionar Lugo e sacar adiante todo o potencial da provincia
A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, aproveitou a presentación da candidatura do BNG por Lugo para ironizar sobre a visita de Pablo Casado en ALCOA coa ausencia de Feixóo, que atribuíu a súa responsabilidade na crise das electrointensivas. Pontón deixou claro que só un goberno liderado polo BNG é garantía da defensa do país fronte ao sucursalismo das forzas estatais.
“O turismo electoral ten hoxe unha escala en Galiza coa visita de Pablo Casado á planta de ALCOA na Mariña pero coa ausencia do candidato Feixóo, porque é tan consciente da súa responsabilidade na situación das electrointensivas que lle da vergoña acompañalo, porque sabe que a responsabilidade da crise de ALCOA é en primeira instancia do PP”.
Pontón salientou que para que haxa futuro para ALCOA “é importante que o próximo goberno estea liderado polo BNG, por un goberno libre para defender Galiza, sen mordazas nin ataduras á hora de dar a cara polos nosos sectores produtivos ou á hora de defender propostas como ter unha tarifa eléctrica propia. ALCOA ten futuro, -recalcou-, se o 5A poñemos fin aos gobernos sucursalistas de Madrid que non defenden Galiza e son inútiles á hora de darlle solucións aos problemas do país”.
A líder nacionalista responsabilizou a PP e PSOE de que Galiza teña miles de empregos en xogo polo custe da luz pese a ser unha potencia en electricidade. “O PP porque aprobou o marco enerxético que ten ao sector contra as cordas e o PSOE porque continúa con ese marco enerxético limitándose a presentar un estatuto insuficiente”.
O candidato Feixóo ten como gran contribución “vetar todas as propostas do BNG para que Galiza se beneficiase de ser produtora de electricidade”, como a tarifa eléctrica galega, o que contrapuxo con Euskadi, onde un goberno que mira polos intereses do seu país conseguiu unha tarifa propia que lle permite aforrar ás súas empresas 60 millóns de euros cada ano.
Na presentación da candidatura por Lugo salientou o “equipazo” que encabeza Olalla Rodil, a voz desta provincia no Parlamento estes catro anos, con propostas e alternativas, “unha voz á que queremos sumar moitas máis: como a de Daniel Castro, Carme Aira, Mario Outeiro e a do resto de compañeir@s dunha candidatura que combina renovación e experiencia, na que as mulleres teñen un papel protagonista e tamén a xente moza”.
A candidata á Presidencia deixou claro vai o Bloque vai a por todas este 5A para abrir un tempo novo “e deixar a tras a década en branco e negro dun goberno absolutista e inútil do PP que se caracterizou polo abandono da Galiza do interior”.
Por iso, Pontón convidou a todas as persoas que queren dar carpetazo á desfeita do Partido Popular a que sumen no BNG para facer posible o cambio galego, “que aposten por algo diferente para que, por primeira vez na historia, este país conte cun goberno coas mans libres liderado por unha muller e por unha nacionalista”.
Sacar adiante todo o potencial da Galiza interior
“O BNG xa conseguiu ilusionar a cidade de Lugo e iso é o que queremos facer en toda a provincia: devolverlle a ilusión e a esperanza a esta provincia, activar Lugo dun extremo a outro, sacar adiante todo o potencial, darlle a volta a situación e pasar dun Lugo en branco e negro a un Lugo cheo de vida e de cor. Somos a alternativa que vai devolver a ilusión e a esperanza a esta provincia para sumar ao cambio galego que queremos liderar o 5 de abril”.
E para logralo conta o aval dunha candidatura de excelencia e un programa de goberno que aposta por facer da Galiza interior un lugar no que vivir e traballar, con benestar social. “Hai que reverter a senda da despoboación, da emigración, do abandono do rural, da falta de servizos públicos e dunhas infraestruturas do século pasado”.
“Non podemos permitir que se siga estragado o enorme potencial da Galiza do interior, se queremos construír un país con futuro. E o BNG ten un proxecto de goberno pensado desde a nosa realidade para solucionar os grandes retos que temos por diante, e un deses retos é acabar co abandono da Galiza do interior con políticas que creen emprego, servizos públicos e infraestruturas modernas”, concluíu.