Ana Pontón coloca ao BNG como garantía de que Galiza terá alternativa de goberno a Feijóo tras o 25S
- “É cómico ver como Feijóo critica aquí o que defende para o PP en Madrid, dígolle que o caos é deixar un país máis desigual e máis pobre”
- Reclama a xestión directa do sistema ferroviario para acabar coa falta de investimentos do Estado que afecta á seguridade do transporte por tren
A candidata á Presidencia, Ana Pontón, explicou no mitin central de Bueu que se Feijóo perde a maioría absoluta o 25S será a primeira en coller o teléfono e chamar aos candidatos de PSOE e Marea para conformar unha alternativa que abra un tempo novo en Galiza, en base ao mandato nas urnas dos galegos e das galegas.
“O BNG é garantía de cambio”, proclamou, “en ningún caso imos permitir que pase o despropósito político que estamos vendo no Estado, onde as consideradas forzas de esquerda, vellas e novas, déronlle unha segunda oportunidade ao PP cando xa estaba derrotado e resucitaron a un Rajoy que era un cadáver político, todo por primar a particular guerra de tronos de Sánchez e Iglesias en lugar dos intereses da maioría”.
Neste sentido, a candidata nacionalista subliñou que “non é posible unha derrota de Feijóo sen o BNG, e estou convencida de que imos dar a sorpresa o 25S cunha importante representación no Parlamento que será chave para pasar a páxina de oito anos de desfeita da dereita”, indicou no mitin que compartiu co cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, e co rexedor Felix Juncal.
Ademais, ironizou sobre o empeño de Feijóo en demonizar en Galiza “o que lle parece estupendo para o PP en Madrid”. “Quero dicirlle ao señor Feijóo que o caos é el, o caos é a Galiza máis desigual e máis pobre que nos deixa”, criticou, ademais de parabenizalo “polo último gran exemplo de loita sen cuartel contra a corrupción e a transparencia: ser incapaz nin de pedir a dimisión da imputada Barberá. Unha mostra da exemplaridade do candidato do PP.”
Pero para abrir un tempo novo non chega cun cambio de caras, senón “confiar nas nosas propias forzas” e exercer “todo o poder político que nos permita tomar desde aquí as decisión para dar solucións aos problemas estruturais do país”, empezando por ter o control da totalidade dos impostos e do aforro, cunha facenda e unha banca públicas.
A candidata puxo como exemplo o abandono e falta de compromiso inversor do Estado co sistema ferroviario galego, que afecta á seguridade do transporte por tren. “Os accidentes de Angrois e Porriño son o síntoma de que temos un ferrocarril de segunda no momento en que hai trens circulando que non reúnen as necesarias medidas de seguridade, mesmo aquelas que poderían ter impedido ou minimizado o risco de sufrir estes sinistros”, denunciou Pontón, en relación a falta de sistemas RTMS e ASFA dixital.
Por iso, o BNG, reclama a xestión directa do sistema ferroviario galego a través dunha entidade pública, -GALTREN- que integre, planifique e execute toda a política e todos os investimentos para modernizar un transporte por tren e que garanta os estándares de seguridade máis elevados.
Equivocarse de inimigo
En relación ás críticas lanzadas contra a candidata nacionalista polos responsables da Marea, Ana Pontón, foi clara: “Quero dicirlles que no BNG non nos equivocamos de inimigo político, nin imos a facer a campaña electoral que lle interesa ao PP e a Feijóo”, declarou, tras proclamar que se presenta a candidata á Presidencia da Xunta “co obxectivo de dar o mellor de min, de dar o mellor desta organización como sempre fixemos, para que os galegos e galegas teñan un futuro nos 314 concellos do país”.