Ana Pontón coloca ao BNG como a única forza capaz de facer política a favor de Galiza desde o Congreso
“Vimos o fracaso e a inutilidade das forzas estatais que demostraron que pasan olimpicamente dos problemas da cidadanía e de Galiza, demostraron que o único que as move son egos partidistas. Por iso, pedimos converter esa incompetencia e ese fracaso nunha oportunidade recuperando voz propia para Galiza a través do BNG”, salientou.
Pontón subliñou que o 10N “non vai do futuro de Sánchez, Casado, nin dun duelo entre a maraña de siglas na que está convertida a política estatal, vai de Galiza, de como solucionar unha crise industrial que ten máis de 6.000 postos de traballo en xogo, vai de como acabar coa estafa das peaxes da AP9, vai de como defender o noso sector pesqueiro, de como acabar coa precariedade. En definitiva, de como colocar Galiza no mapa e buscar solucións ante os problemas que temos naquilo que dependa do Estado”.
A líder nacionalista considera urxente volver ter en Madrid unha representación que condicione a política do Estado a favor deste país. “É evidente que ou condicionamos a política do Estado ou veremos como seguen tomando decisións que son lesivas para os intereses dos e das galegas, que son lesivas para o noso futuro e que poñen paus nas rodas no noso desenvolvemento”.
De novo, estes meses de liortas madrileñas volveron demostrar que nada se pode esperar do bipartidismo PP-PSOE, pero tampouco nada da chamada nova política, tras ver como Podemos, “en canto tivo ocasión”, pactou con Sánchez os peores orzamentos do Estado con Galiza nos últimos vinte anos, “cun trato que non é xusto cun país que merece dignidade e respecto”.
Unha conivencia coa discriminación que se evidencia no entreguismo dos 23 deputados e deputadas electas por Galiza: “en canto colleron a súa acta esquecéronse de quen lles deu o apoio e non abriron a boca ante todos e cada un dos agravios do Estado, ao contrario, o que fixeron foi xustificar o inxustificable, a discriminación con Galiza”, recriminou Pontón.
Por iso, subliño que este 10N é a oportunidade “de poñer Galiza no mapa coa forza que ten detrás de si unha traxectoria de traballo que demostra que cando estaba no Congreso os galegos e as galegas tiñan unha voz que defendía os seus intereses como fixeron Olaia Fernández Davila e Guillerme Vázquez. Demostraron que se pode facer política desde o Congreso a favor de Galiza, como vai facer Carme da Silva”, salientou, en referencia a cabeza de lista por Pontevedra.
“Ás persoas decepcionadas co que pasou dígolles que este 10N poden facer algo diferente: apostar polo BNG, que non vai entrar na política espectáculo, na frivolidade das forzas estatais. Imos ir ao Congreso a defender os intereses de Galiza, poñendo por diante este país”.
“Vemos como outros actúan logrando melloras e avances, así o fan vascas, cataláns, canarias, valencianas até Cantabria ten unha forza propia que a defende na Cámara baixa. Galiza non pode seguir muda porque esa falta de voz fai que perda oportunidades, é fundamental contar cunha forza libre e sen ataduras que condicione a política do Estado a favor de Galiza e esa forza é o BNG”, concluíu.