Organización

Ana Pontón: “Collemos aire nas velas e o BNG vai traballar para ser alternativa ao PP en 4 anos”

Executiva Nacional do BNG
  • O caudal de ilusión e apoios recibidos son a base para fortalecer un proxecto nacionalista “inclusivo e plural” para todas as persoas que queren construír unha Galiza con futuro
  • Torta para celebrar os 34 anos do BNG cunha mensaxe de agradecemento a toda a militancia e simpatizantes para abrir un tempo novo

A portavoz nacional, Ana Pontón, volveu ter palabras de agradecemento para a militancia, simpatizantes e todas as persoas que deron o mellor de si na campaña electoral e mención expresa aos 120.000 galegos e galegas que colleron a papeleta do BNG, facendo posible o resultado do 25S nun contexto de grande dificultade para a formación nacionalista.

Un caudal de ilusión, de esperanza e de apoios que servirán para fortalecer o proxecto nacionalista cun obxectivo claro: construír unha alternativa ao PP en catro anos.

“Somos conscientes do caudal de ilusión e esperanza que sementamos en milleiros de persoas”, salientou Pontón, “teñen a garantía de que o seu voto vai servir para construír unha nova etapa e imos traballar para que a maioría social teña unha alternativa de futuro e de esperanza cun proxecto sólido capaz de conformar nas próximas eleccións un goberno alternativo ao que nos espera estes catro anos”.

“Collemos aire nas velas e iso supón un novo impulso para aportar desde o nacionalismo”, sintetizou.

Pontón reiterou que non son os resultados polos que traballou o BNG, pero “temos a base para construír un camiño diferente”, para a continuación salientar que conta cun proxecto proxecto serio e solvente, unha organización forte e cohesionada, e homes e mulleres preparadas e dispostas a dar todo de si mesmas para mellorar a vida dos galegos e das galegas e para avanzar como país.

“Esa ilusión, ese caudal de afecto e de apoio recibidos son a base para fortalecer o proxecto nacionalista, para un BNG inclusivo e plural no que teñen cabida todas as persoas que queiran sumar para construír unha Galiza con futuro”, recalcou, porque o Bloque aspira, con intelixencia e con xenerosidade, a seguir ampliando ese apoio social.

Xenerosidade e intelixencia

Por iso, o seu compromiso para xestionar “con moita responsabilidade a confianza que moitas persoas depositaron en nós porque o que queremos e sumar máis ilusión e esperanza entorno ao proxecto do BNG e iso require intelixencia, xenerosidade, que son valores fundamentais para que haxa un cambio na política”.

Pontón avanzou que o Bloque vai desenvolver desde o minuto cero unha oposición firme e rigorosa de proxectos e alternativas na Cámara galega, -como sempre fixo-, “co Parlamento na rúa e a rúa no Parlamento sen perder a conexión co activo social e cos problemas do día a día”.

EfectoPontón

De novo interpelada polos medios, a portavoz nacional asegurou que o denominaban efectoPontón acuñado nesta campaña “foron os afectos e o impulso de miles de persoas que crían neste proxecto e estiveron dispostas a saír a rúa a defendelo cun sorriso”.

Pontón considera que o Bloque evidenciou, cunha campaña en positivo e con propostas, que se abrira un tempo novo na organización “que fixo que moitas persoas volvesen mirar para o BNG cunha ilusión e cun caudal de entusiasmo que mesmo nos desbordou e iso é un valor importante para construír no futuro. Temos nesa enerxía acumulada, nese entusiasmo e nese afecto unha base sólida para construír a Galiza que queremos”, salientou.

A por todas

Preguntada polo resultado do PP, Pontón considera que Feijóo logrou impoñer a mensaxe da falsa estabilidade e que a oposición tamén terá que facer as súas análises respecto a en que se fallou, tras asegurar que o BNG encara agora o futuro con optimismo desde un cambio de tendencia que lle da “azos” para construír unha alternativa á dereita en catro anos.

De cara a unhas posibles terceiras xerais, dixo que era unha incógnita sen despexar entre a irresponsabilidade política das forzas estatais da esquerda e o inmobilismo da dereita. En todo caso, se se celebran, o BNG “irá a por todas para recuperar presenza no Congreso e darlle de novo unha voz propia a Galiza nesa cámara”.

34 anos con torta

A executiva nacional nesta primeira reunión tras o 25S celebrou, con torta de aniversario incluída, os 34 anos de vida do BNG que se fundou tal día coma hoxe no frontón de Riazor na cidade da Coruña.