A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou esta mañá as obras da futura cidade das TIC na Coruña, un área de 128 quilómetros cadrados para o desenvolvemento da innovación tecnolóxica e de empresas punteiras. Estivo acompañada polo portavoz municipal, Francisco Jorquera, a concelleira Avia Veira e a deputada pola Coruña, Mercedes Queixas, nunha visita guiada polo reitor da UDC, Julio Abalde e o presidente do clúster TIC, Antonio Rodríguez.
Pontón valorou este proxecto como “unha gran oportunidade para colocar Galiza na vangarda tecnolóxica, modernizar o noso tecido produtivo e sentar as bases dunha economía baseada na ciencia, no coñecemento e na innovación”, sinalou, explicando que “nun mundo cada vez máis competitivo, é imprescindible modernizar o noso tecido produtivo, apostar por unha economía baseada na I+D+I” onde será imprescindible a “total” colaboración público-privada. Neste sentido, a cidade TIC xunto coa posta en marcha da AESIA é unha oportunidade única para A Coruña e para o conxunto do País.
A líder do BNG puxo o foco nun “necesario Pacto galego pola ciencia e a innovación, un pacto que permita que cara o horizonte do 2030 destinemos o 2,5% do PIB a este ámbito, que é fundamental tanto para desenvolver as tecnoloxías emerxentes no noso País como para mellorar a competitividade das nosas empresas e facer de Galiza un referente neste ámbito. O futuro pasa pola ciencia e a investigación e que Galiza ten que dar pasos adiante e aproveitar as oportunidades que temos”, proclamou.
Para orientar a Galiza nesa dirección, a portavoz nacional detallou as propostas do BNG para colocar ao País na vangarda tecnolóxica, co impulso da I+D+I como sector estratéxico e panca de desenvolvemento social, económico e cultural porque, incidiu, a xeración de coñecemento “é en si mesmo un sector produtivo dos máis importantes para o presente e para o futuro do País”.
O BNG propón, ademais, o INNOGAL, un programa de retención, captación e retorno de talento, semellante aos xa existentes en Euskadi (Ikerbasque) e en Catalunya (iCrea). Este programa promovería a contratación de persoal investigador, máis aló do vinculado ás universidades, e deseñar unha carreira investigadora completa e estable para evitar un custe de perda de talento investigador, criticou Pontón, “que cada ano pode chegar até os 311 millóns de euros, o que implica que nas última década Galiza perdeu máis de 3.000 millóns de euros en talento investigar formado pero que marchou do País”.
A formación nacionalista tamén propón a creación dun Consorcio de captación e competencias dixitais coa participación da Xunta, as entidades locais e o sistema universitario, que avance na dixitalización das administracións e das empresas, con atención especial ás PEMES e á economía social, ademais de poñer o foco nos procesos de dixitalización dos lugares de ensino, arquivos e biblioteca.
Trátanse, indicou, de propostas “claras e realizables” que o Bloque pon sobre a mesa para que Galiza “non perda o tren do futuro que pasa, si ou si, pola ciencia e polo coñecemento”, recalcou Pontón.
Para o financiamento destas medidas o BNG propón destinar a ese fin o 2,5% do PIB como reto a acadar de aquí a 2030 para situar a Galiza “na media europea e sacala do furgón de cola onde está hoxe cun investimento que apenas acada o 1% do PIB”, explicou. Pontón aproveitou a visita á futura cidade TIC para poñer en valor o papel das universidades e defender o reforzo do seu sistema de I+D+I, “porque é o máis importante foco de ciencia e investigación que temos no País”, ao tempo que aposta por “maximizar a colaboración entre universidade, empresa e administración pública”, concluíu.