Ana Pontón chama ás mulleres a responder nas urnas “á dereita machista e cavernícola”
“Nin un paso atrás, respondamos ao seu medo con esperanza votando BNG que disputa escanos a Vox e Cs en Pontevedra e A Coruña”, proclama
Vermú feminista e caraveis vermellos en lembranza da revolución do 25 abril
O BNG arrancou a campaña animando ás mulleres a demostrar nas urnas a forza do 8M e na recta final, a portavoz nacional, Ana Pontón, volve facer esa apelación máis necesaria aínda ante a evidencia de que a dereita de Colón supón “unha ameaza” para os dereitos das mulleres.
“O PP de Casado e de Feixóo que se burla da violencia machista con ese si,si,si e falan de supremacismo feminista, ese Cs de Rivera que defende os ventres de alugueiro e un Vox proclamando que unha muller violada non ten dereito a decidir se aborta ou non”, explicou, deben recibir unha contestación o 28A da man dun BNG que lle está disputando escanos a Vox e Cs na Coruña e en Pontevedra, “podemos frenalos”, proclamou.
Pontón pediu ás galegas, ás feministas responder aos profetas do medo, desde a forza da ilusión e da convicción.
“Todas as feministas, todas as mulleres temos que estar o próximo 28A nas urnas para deixar claro que non imos dar nin un paso atrás, que non temos medo, que imos votar con ilusión, con convicción con toda a forza das mulleres que nos fixo avanzar ao longo da historia”, salientou. “En Galiza para conseguir frear a esa dereita cavernícola e machista a opción é un BNG cunha traxectoria feminista que disputamos escanos a Vox e Cs na Coruña e Pontevedra”.
A portavoz nacionalista chamou a que “fronte á mensaxe do medo e da crispación da dereita”, ás mulleres “votemos con ilusión e co convencemento de que en Galiza non imos permitir nin un só escano para esa dereitona antigalega e machista”. “A forma de conseguilo é votando BNG, a favor das mulleres e permitir recuperar voz propia”.
Pontón fixo este chamamento nun vermú feminista xunto coa candidata por Pontevedra, Carme da Silva, -“a deputada que dará voz as galegas no Estado a partir do 28A”-, nun acto no que tamén lembraron a revolución portuguesa do 25A, cos caraveis vermellos convertidos en símbolo desa rebeldía que acabou coa noite de pedra no país veciño.
En relación as propostas á favor de igualdade das mulleres, o programa do BNG defende xulgados específicos de violencia de xénero en todas as cidades galegas e máis medios para combater o machismo. Oposición a calquera intento de legalizar os ventres de alugueiro e ampliar os permisos de maternidade e paternidade a un ano de xeito intransferible, porque non podemos permitir que a maternidade siga penalizando o acceso das mulleres ao mercado laboral ou limitando as nosas aspiracións profesionais e moito menos nun país como Galiza coa taxa de natalidade máis baixa de Europa.