Ana Pontón chama a encher as rúas o 25 de xullo para demostrar que “outra Galiza é posible” da man do BNG
O proceso de investidura, cunha Galiza desaparecida, “é o mellor retrato de que as solucións aos problemas do país non van vir desde Madrid”, advirte
Participou en Lalín na homenaxe a Xesús Cordeiro, Menfis, histórico militante nacionalista
A portavoz nacional, Ana Pontón, convidou a converter a celebración do Día da Patria nunha gran mobilización na rúa como demostración de que hai unha maioría social que quere cambio e quere construír “esa outra Galiza posible”, na que vivir e na que ter un traballo digno sen ter que coller as maletas.
“Hai outra Galiza posible que non quere ver como a xente nova emigra, que quere sanidade pública, que quere pensións dignas, é esa é a que podemos construír desde o nacionalismo”, declarou Pontón, “por iso este 25X saíamos á rúa para reivindicar esa outra Galiza e empezar a construír con forza a alternativa que a pode facer posible: o BNG”.
Neste sentido, a líder nacionalista recalcou que as solucións para este país “non van vir desde Madrid” e puxo como exemplo estas semanas de intenso debate de investidura no que Galiza “estivo desaparecida”. “Nin unha soa forza política estatal, nin unha soa deputada ou deputado lle propuxo a Pedro Sánchez que o seu apoio a súa investidura se vinculaba a compromisos para solucionar problemas urxentes dos e das galegas. É o mellor retrato de como, ou está o Bloque, ou ninguén pon por diante os intereses de Galiza”, proclamou.
A líder nacionalista fixo este chamamento antes de participar no acto de homenaxe a Xesús Cordeiro, “Menfis”, histórico e destacado militante nacionalista que fora portavoz municipal no Concello de Lalín entre outras responsabilidades políticas. Actuacións musicais e a simbólica plantación dunha árbore xunta cunha placa de recoñecemento formaron parte dun acto aberto que contou coa intervención da súa filla, do actual concelleiro Francisco Vilariño, e coa presenza de familiares, amigos e militantes.
Pontón salientou “a súa entrega e compromiso, porque foi unha desas persoas que sempre tivo a Galiza na cabeza e no corazón e é un orgullo ter persoas así na nosa organización”. A dirixente do Bloque puxe en valor o “traballo político desde a humildade pero desde a firmeza” desenvolvido por Menfis ao longo da súa vida “para conseguir un futuro mellor para este país e para a súa xente”.