Ana Pontón chama a concentrar todo o voto de País no BNG
Apela ao orgullo d@s galeg@ para devolverlle voz propia a Galiza ante o Estado e critica a pasividade de Feixóo ante a extrema dereita antigalega
Rego: “Somos a única garantía de defensa do pobo galego en Madrid”
A portavoz nacional, Ana Pontón, arrancou o mitin de Santiago amosando o seu apoio @s estudantes de medicina, antes de facer un chamamento a concentrar “todo o voto de País” no BNG, apelando a todas as persoas que, votasen o que votasen fai seis meses, hoxe saben que Galiza gana co Bloque no Congreso.
“Con cabrearse non chega, hai que moverse e responder nas urnas como galegos e galegas”, proclamou, “porque o 10N temos a oportunidade de que as cousas cambien a mellor unindo todo o voto nacionalista, galeguista e de país no BNG, porque votar BNG é votar con orgullo de ser galeg@s para defender os intereses deste país, como fan vascos, cataláns e outros pobos do Estado. Galiza ten que estar con voz propia, por dignidade e para construír un futuro mellor”, recalcou.
Pontón salientou que “cada día que pasa” hai máis motivos para coller a papeleta nacionalista “se queremos sacar a Galiza da irrelevancia política e facernos valer no Estado”, ante unhas forzas estatais que, ironizou, en lugar de dar solucións os problemas da xente do común “se entreteñen nomeando ministras antes incluso de poñer as urnas”.
“Eses son os grandes anuncios de Pedro e de Pablo para solucionar os problemas deste país. Só falta que se sumen ao reparto de cadeiras os mesmos que aspiran a darlle acento galego ao Goberno do Estado, os mesmos que non dubidaron e pactar co Goberno de Sánchez os peores orzamentos con Galiza en vinte anos. PP-PSOE-PODEMOS co mesmo denominador común: a discriminación a Galiza”, criticou.
“E falando de desprezo a Galiza, Feixóo segue sen desmarcarse dunha extrema dereita que pide ilegalizar o autogoberno, que pide ilegalizar o Parlamento galego, que pide ilegalizar a Xunta, que pide ilegalizar ao BNG”, reprochou.
“Di que a extrema dereita non pode Gobernar pero a cuestión é vai Feixóo pedir que o PP rompa os pactos coa extrema dereita xenófoba, machista, racista e antigalega? De que lado está, do de Galiza e das institucións democráticas de todos e todas nós, ou do lado da extrema dereita? No BNG témolo claro: estamos co pobo galego e cunha Galiza soberana con dereito a decidir o seu futuro. Fagamos que se enteren o 10N”, reclamou.
Por iso, recalcou, “o 10N pido confianza no BNG, e sobre todo, apelo ao orgullo de milleiros de galegos e galegas cabreadas, decepcionadas e fartas do desprezo a Galiza, ao orgullo de milleiros das persoas que saben que Galiza gana co BNG no Congreso. Coa forza dese orgullo expresado nas urnas, Galiza vai recuperar o protagonismo que merece na política do Estado, da man do BNG”, concluíu.
"Se o BNG está, Galiza está", resumiu o candidato pola Coruña, Néstor Rego, tras denunciar que estes catro anos "as forzas españolas deixaron claro que para elas Galiza non existe, con cero mencións aos nosos problemas, ás nosas necesidades, ás solucións que precisamos".
A situación é agora "moito máis clara", tras constatarse que a "única garantía de que este país teña voz propia e sen dependencias no Congreso que defenda os seus intereses pasa por confiar no BNG que ten unha única lealdade: Galiza”, despois de denunciar as ocasións nas que os 23 deputad@s electas “non tiveron reparo en erguer a man para votar en contra dos intereses de quen os elixiron”.
Pediu así que todo o voto "en chave galega" se concentre no BNG, tanto o voto nacionalista como o de forzas de esquerda decepcionadas coa "afonía" que sofren ao chegar a Madrid. "Apelamos a todas as persoas decepcionadas coas forzas estatais que comprobaron que elas propias abdicaron da responsabilidade de defender os intereses do noso País e do pobo traballador galego. A todos eses homes e mulleres defraudados coas forzas españolas queremos dicirlles que na Galiza hai esperanza porque hai alternativa. Que aquí está o BNG, que nunca lle fallou a este País e nunca lle fallará", sinalou o candidato nacionalista.
Única forza galega
Lembrou Rego que o Bloque é a "única forza galega" que se presenta o 10N e, neste sentido, chamou tamén polo "voto das persoas nacionalistas, daquelas que teñen Galiza na cabeza e no corazón para que, entre todas e todos, consigamos, con orgullo, ter unha voz que represente un país que tanto necesita ser escoitado".
"Se Euskadi, Cataluña, Canarias ou mesmo unha rexión como Cantabria teñen representación de seu.... unha nación como Galiza non vai ter?", preguntouse Néstor Rego, tras recalcar que cada día son máis as persoas que mostran o seu apoio ao proxecto nacionalista.