parlamento galego

Ana Pontón: “Catorce anos con cero transferencias é un récord que demostra a inutilidade do PP para defender Galiza en Madrid”

Ana Pontón

Son o PP do “non” a Galiza e fan que o País quede atrás en transferencias mentres outros avanzan: Cataluña logrou 11, Andalucía 14 e Euskadi 26

Critica o veto á proposta do BNG de reclamar 35 novas competencias

Un deputado do BNG fixo máis que dez do PP, alega, e atribúe ao medo a negativa de Rueda a un debate que rexeita con argumentos machistas

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a sesión de control para denunciar que tras catorce anos de Goberno do PP Galiza non logrou nin unha soa transferencia, un récord que demostra a inutilidade do Partido Popular para defender os intereses deste País ante Madrid e, ao mesmo tempo, demostra que as promesas do PP son papel mollado.

“En 2009 o señor Rueda criticaba o que consideraba un pobre balance en materia de transferencias do Goberno da Xunta alegando que só conseguira 14 competencias en tres anos e mostrábase preocupadísimo polo autogoberno en Galiza e, por suposto, na campaña dese mesmo ano, pregoaba todas as competencias que conseguiría para Galiza”, indicou a líder do BNG. A realidade é unha seca total en transferencias.

Pontón enumerou que, ano tras ano, o resultado do PP foi cero. “En 2010 conseguiron cero competencias; en 2011, cero competencias; en 2012, cero competencias xa con Mariano Rajoy na Moncloa; en 2013 cero competencias”, recalcou, e así até 2023 pese a que en 2019 o Partido Popular, “supoño que porque viron a luz camiño de Damasco”, ironizou, votou no Parlamento a favor dunha iniciativa do BNG para reclamar o máximo teito competencial.

“Alegaban, e cito textual: Galiza non é unha comunidade nin de terceira, nin de cuarta división, queremos estar na división de honra, como está o País Vasco e Cataluña, e tamén queremos negociar a transferencia das competencias, todas, todas. Palabras que quedaron en nada, porque recibiron unha chamada desde a Rúa Génova e recuaron, co seu habitual servilismo a Madrid”, denunciou.

O resultado final foi que “nin primeira división, nin división de honra, o PP leva 14 anos facendo xogar a Galiza en rexional preferente, con cero competencias en catorce anos, un récord que retrata  a un PP completamente inútil na defensa deste País ante o Estado”, argumentou.

Mentres o Partido Popular fai retroceder Galiza tamén en autogoberno, outros avanzan, de tal xeito que Cataluña conseguiu once novas competencias, Andalucía, catorce e o País Vasco 26, en ámbitos tan importantes como a I+D+i; emprego, transporte marítimo e ferroviario, portos, turismo ou inspección de traballo.

Pontón esgrime dúas razóns para explicar ese balance. A primeira, porque como boa “sucursal madrileña”, o PP é o cabalo de troia do centralismo en Galiza; a segunda, porque o PP é totalmente inútil para defender os noso intereses ante o Estado”. Fronte a esta longa seca, o BNG propuxo neste mesmo pleno parlamentario reclamar 35  competencias para mellorar a vida dos galegos e das galegas, “pero son o Partido Popular do non, do non a todo o que beneficie a este País”.

No cara a cara, Pontón volveu poñer en valor o traballo do BNG en Madrid, a través do deputado nacionalista no Congreso.

“Señor Rueda, unha mentira repetida mil veces, segue a ser unha mentira, e por moito que se empeñe en negalo un deputado do BNG, o noso compañeiro Nestor Rego, conseguiu máis para Galiza que os dez do PP, e senón que lle pregunten ás 20.000 persoas que cada día circulan pola AP9 e que grazas ao BNG hoxe teñen unha rebaixa histórica nesta autoestrada”, explicou.

 

Campión dos debates

Esa é diferencia, argumentou, entre a utilidade do Bloque na defensa dos intereses deste País e a inutilidade do PP, “por iso vostede non quere un debate electoral  comigo, por medo ante o papelón que fixeron no Congreso que é indefendible, por iso fuxe do debate e por riba con argumentos machistas”, denunciou.

Neste sentido, Pontón lembrou que cando un home como foi Feijóo pediu o mesmo debate nas eleccións xerais de 2008, “vostede considerou que era o campión dos debates”, pero cando en 2023 o pide unha muller, neste caso a líder do BNG, “teño que soportar descualificacións persoais do presidente da Xunta dicindo que estou necesitada de atención. Este tipo de comentarios machistas non temos porque escoitalos as mulleres nin na vida, nin na política”.

A portavoz do BNG demando de Rueda unha rectificación e que substitúa o paternalismo e o machismo por debate, un dereito da cidadanía ante un proceso electoral, concluíu.