Ana Pontón buscará o apoio das forzas nacionalistas e soberanistas a favor da transferencia da AP-9

Cargos institucionais do BNG pola transferencia da AP-9

Manterá un encontro antes do debate con deputad@s de ER, EH-Bildu, PNV, PDeCat e Compromís para sumar votos. Confía que a lei non sexa “descafeinada”

 

Tacha de “penosa” a posición de Feixóo pasando do veto, ao electoralismo e agora á teoría do agravio

 2018.- En véspera do debate da Lei de Transferencia da AP-9 no Congreso, a portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou que apenas unhas horas antes do debate vai manter na Cámara baixa, -xunto co portavoz parlamentario de Infraestruturas, Luís Bará-, unha reunión con deputados e deputadas dos grupos políticos de EH-Bildu, ER, PNV, PDeCat e Coalició Compromís de cara a sumar apoios á transferencia dunha infraestrutura clave para Galiza.

“Imos ter unha reunión con estas forzas políticas coas que o BNG mantén unha relación intensa para trasladarlles a importancia para Galiza desta transferencia e, polo tanto, para conseguir o seu apoio e sumar forzas na defensa dos intereses do noso país”, explicou Pontón.

A líder do Bloque confía en que todos os grupos políticos sexan “fíes ao acordo unánime do Parlamento galego” e non pretendan “descafeinar” a Lei de Transferencia da AP-9 ao longo da tramitación no Congreso. O texto lexislativo que mañá se somete a consideración do Congreso foi redactado e impulsado polo BNG e recibiu luz verde o 15 de marzo de 2016, incluíndo tanto a transferencia como o rescate da AP-9.

“Espero que con escusas de mal pagador ninguén intente descolgarse da literalidade da lei, que se respecte a decisión da Cámara galega sen caer na tentación de descafeinar o texto porque sería un desprezo a todos os galegos e galegas”, advertiu.

Pontón foi moi crítica coa posición do presidente da Xunta. “Responsable da privatización, de aumentar a concesión até 2048, agora no tempo de desconto fala do agravio. Non sei que é máis penoso se pasar de cambiar de opinión por electoralismo porque o PP xa non está na Moncloa ou este último argumento de que cambian de criterio porque Euskadi vai conseguir a transferencia da AP-1, penoso que o propio PP recoñeza que Feixóo é un cero á esquerda e que a súa posición depende do que decida o País Vasco. Só demostra a falta de consideración do propio presidente da Xunta con Galiza”.

A dirixente do Bloque indicou que o xefe do Executivo, tras anos vetando a transferencia, aínda agora parece que busca escusas para non ter unha AP9 galega e libre da estafa das peaxes. “Parece que están buscando novos obstáculos, experto en sacar coellos da chisteira en contra da transferencia”, recalcou.

En todo caso, Pontón agarda que mañá se respecte a decisión do Parlamento de Galiza, “e que sexa un paso adiante non só para xestionar a AP9 senón para acabar coa estafa das peaxes”, aínda que tamén chamou a atención sobre a falta de posicionamento político claro por parte do PSOE.

“Agardamos que mañá non haxa unha nova labazada na cara de Galiza e non se repita a discriminación, que a lei siga adiante e non se descafeine o seu contido na súa tramitación, porque se hai miles de millóns para rescatar as autoestradas madrileñas aquí non podemos ter peaxes que son unha estafa, e lembrar tamén que a AP1 e coetánea a AP9 e que vai quedar libre de peaxes mentres neste país, grazas a prórroga da concesión do PP, está previsto que os e as galegas paguemos pola AP9 até 2048. Iso non pode ser é só depende de que haxa vontade política”, concluíu.