Ana Pontón: “O BNG vai entrar con forza no concello de Ourense para abrir o tempo novo que precisa a cidade”
Seara en relación a Vázquez: “Quen forma parte do problema non pode ser parte da solución a unha cidade paralizada”
Encontro coa Asociación de Xóvenes Empresarios de Ourense que suma máis dun cento de membros, factura 43 millóns de euros e xera 350 postos de traballo
A portavoz nacional, Ana Pontón, expresou o seu convencemento de que o BNG vai regresar con forza ao concello de Ourense nas vindeiras eleccións municipais da man dun candidato, Luís Seara, que ten un proxecto claro para darlle un futuro á cidade e sacala da parálise na que a ten sumida a incapacidade política do executivo local.
“Temos en Luís Seara un gran candidato, que coñece a cidade e que ten un proxecto para mudar a situación de Ourense, unha cidade que hoxe está lastrada por un goberno paralizado e sen alternativa e por unha oposición que tampouco estivo á altura”, indicou a dirixente nacionalista.
“Ourense precisa un cambio, abrir un tempo novo e imos facer o posible para propiciar ese cambio porque estou convencida que o BNG vai entrar con forza no Concello, para que a cidade recupere o seu pulso e a súa autoestima, darlle un proxecto que apoie a economía local, que pense nas persoas e que aposte pola calidade de vida”, salientou, “queda un traballo e unha campaña intensa por diante”.
Preguntado polo actual rexedor e candidato do PP, Luís Seara declarou que “quen forma parte do problema en ningún caso pode ser parte da solución, e é unha percepción xeneralizada que a cidade está paralizada”.
Pontón fixo estas declaracións tras un almorzo-coloquio coa Asociación de xoves empresarios de Ourense, ao que tamén asistiu a alcaldesa alaricana, Cristina Cid. A portavoz nacional intercambiou propostas e diagnóstico coa directiva dos e das emprendedoras, ás que felicitou por apostar por desenvolver proxectos económicos na provincia. Un colectivo que, segundo o seu presidente, Lois Babarro, conta con 110 afiliados e afiliadas, xera 350 postos de traballo, factura 43 millóns de euros anuais e ten actividade en once países.
Potencial económico, patrimonial e cultural
A dirixente do Bloque explicou algunhas das propostas nacionalistas, como o concerto económico para conseguir un sistema de financiamento xusto con Galiza, onde o Estado inviste 3.500 millóns de euros menos dos que recada, que inclúa unha facenda propia que permita tamén unha fiscalidade que non penalice ás PEMS nin aos traballadores e traballadoras autónomas.
Igualmente, unha tarifa eléctrica galega que abarataría o recibo da luz un 15% a empresas e familias, “só depende de que haxa vontade política”. Ademais de ser un factor de competitividade, compensaría a Galiza por ser produtora neta de enerxía cun gran custe en termos ambientais “como ben sabe esta provincia”.
Pontón subliñou o potencial económico, patrimonial e cultural de Ourense, con fortalezas como o sector agroalimentario, o termalismo ou o vitivinícola, “pero hai que ir máis aló de vender a materia prima cando é na transformación onde está a xeración de riqueza e de emprego, ir máis aló dunha rede de balnearios e seguir apostando pola calidade dos caldos galegos”.