Ana Pontón: “O BNG é a única garantía de que Galiza vai ter voz propia en Europa cun escano de País”
A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou en Vigo que o BNG “é a única garantía” de que Galiza vai ter voz propia en Europa cun “escano de País” que ten un valor dobre porque servirá “para defender os intereses dos galegos e das galegas”, pero tamén para defender outro modelo de Europa, “unha Europa dos pobos, social e democrática, unha Europa da paz que queira contribuír a un mundo mellor”, subliñou.
Pontón participou xunto á cabeza de lista, Ana Miranda, e o resto das persoas que encabezan a candidatura, no acto co que a formación nacionalista arrancou a campaña das eleccións europeas, unha cita coas urnas na que Galiza, recalcou, “xógase moito”.
Neste sentido, recordou que en Bruxelas se toman decisións que inciden de xeito directo sobre cuestións clave para o País, como o que afecta aos sectores produtivos e, polo tanto, ao emprego de miles de galegos e galegas, ás infraestruturas, á economía ou ao futuro da xente moza.
“Por iso é tan importante estar alí con voz propia, libre, sen ataduras, para defender os intereses dos galegos e galegas, como fixo o BNG da man de Ana Miranda e como imos seguir facendo a partir do 9 de xuño con máis forza nas urnas”, afirmou para apelar ao apoio de toda a cidadanía que quere que “Galiza conte” e tamén quere “construír a Europa dos pobos, desde a igualdade, a xustiza social e a paz”.
A portavoz nacional reafirmou a máxima implicación e ilusión da formación nacionalista nestes comicios dende a convicción de que “Galiza necesita reforzar a súa posición da man do escano galego do BNG” e sabendo que esta é “unha candidatura de País”, a que os galegos e as galegas “poden sentir como propia”.
“Somos o equipo da casa e a única forza política que vai estar en Bruxelas para defender o que lles importa aos galegos e ás galegas”, asegurou para recordar a continuación que a única lealdade da candidatura nacionalista é coa xente do País, fronte “a un Partido Popular que mira cara Madrid, cada vez máis centralista e máis ultra”.
Pontón puxo en valor o traballo do Bloque en Europa da man de Miranda lembrando cuestións tan relevantes como a defensa para Galiza da declaración de zona altamente dependente da pesca, da inclusión do porto de Vigo na primeira velocidade da rede europea de transporte, do impulso da alta velocidade con Portugal, do corredor atlántico de mercadorías ou da rexeneración das rías.
Por iso, considerou fundamental seguir contando cunha voz propia en Europa para “facerse escoitar, defender os intereses da xente do mar e do rural, do territorio e o medio ambiente” e tamén os dereitos sociais e da clase traballadora. Unha voz que só se deba aos galegos e ás galegas porque o BNG só recibe ordes da xente do País. “A nós non nos din o que temos que facer nin desde Madrid, nin desde Bruxelas, nin tampouco desde ningún consello de administración”, recalcou.
Campaña en positivo fronte á previsible campaña sucia do PP
Desde o convencemento de que o PP vai repetir “a mesma campaña sucia das eleccións galegas”, a mesma “estratexia da mentira, da manipulación e do bulo”, a líder nacionalista comprometeu unha campaña en positivo e 100% galega, a campaña que merece a cidadanía”.
“Fronte a un PP empeñado en enlamar o debate, no BNG falaremos de pesca, do prezo do leite e de como ter un rural vivo; fronte a un PP instalado na mentira e o insulto, no BNG falaremos da rexeneración das rías, de como recuperar a potencia do sector naval galego, de como darlle futuro á xente moza”, exemplificou para concluír que fronte a un PP sen alternativas, o BNG falará “de como defender Galiza nas institucións europeas”.
Na mesma liña se pronunciou a cabeza de lista, Ana Miranda, quen reafirmou o compromiso da candidatura coa defensa dos sectores produtivos, das infraesturutras, co feminismo, coa mocidade, co ecoloxismo e tamén co antifascismo, “aquí e en Europa”, subliñou.
Miranda recordou o intenso labor desenvolvido nos últimos anos na defensa do País en Bruxelas e, de cara á seguinte lexislatura, comprometeuse a seguir traballando para que o Bloque volva ser “a voz de Galiza fronte ás políticas da Unión Europea” e contribúa de igual xeito á construción dunha Europa dos pobos, máis social e a favor da paz.
“Votar BNG é garantir na Eurocámara unha voz nacionalista e de esquerdas”, afirmou para apelar ao apoio de todos os galegos e galegas que desexen ver defendidos os seus intereses e, ao tempo, contar cunha “voz firme na defensa dos intereses sociais”, rematou.