Ana Pontón: “O BNG é a única alternativa para transformar o concello de Redondela”
A portavoz nacionalista afirma que o 26M o BNG pode pararlle os pes ao Partido popular cun equipo con ideas claras e un proxecto transformador para o concello de Redondela
O candidato á Alcaldía, Xoán Carlos González pide o apoio dos veciños e veciñas para converter Redondela no mellor sitio para vivir
A cabeza de lista por Pontevedra, Carme da Silva afirma que Redondela, terá voz en Madrid coa presenza do BNG no Congreso
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón participou no acto de presentación da candidatura ao concello de Redondela celebrado no centro Multiusos da Xunquera onde afirmou que o “BNG é a única alternativa para transformar o concello de Redondela” e destacou o traballo realizado polo BNG dende a oposición como “inimigo férreo para o Partido popular”.
A portavoz nacionalista recalcou que o BNG enfronta estas eleccións municipais con “optimismo” porque conta cun equipo disposto a liderar o “cambio que necesita o concello”. O noso candidato á alcaldía, Xoán Carlos González estivo durante estes anos dando a cara na oposición e “plantándose ante os abusos do Partido popular”. Temos un proxecto de futuro para Redondela e queremos poñer en marcha un cambio transformador e para iso contamos co máis importante, “ideas e persoas” coa cabeza centrada para poñer en marcha un proxecto que mellore a vida das xentes de Redondela. Este equipo vai traballar dende o concello para que Redondela conte con espazos e servizos públicos e sobre todo, cun proxecto para Galiza porque os galegos e galegas levamos demasiado tempo sufrindo as consecuencias dos partido estatais como xa comprobamos nesta “lexislatura frustrada”.
Temos que poñer a Galiza no mapa e acabar coa discriminación e para iso é necesario que confiemos nas nosas propias forzas. Este é o momento do BNG e o 26 de Maio e o 28 de Abril podemos cambiar as cousas. Hoxe empeza a primavera pero a primavera que nos importa aos galegos e galegas e a que podemos poñer en marcha si confiamos no BNG. Soñemos coa Galiza que queremos ser, concluíu a portavoz nacional do BNG.
XOÁN CARLOS GONZÁLEZ APOSTA POR CONVERTER REDONDELA NO MELLOR SITIO PARA VIVIR
O candidato á alcaldía de Redondela, Xoán Carlos González apostou por recuperar o protagonismo do movemento asociativo e cultural na actividade política do concello. “Temos que mellorar as políticas de benestar tan deterioradas polo Partido popular pero tamén, engadiu, poremos en marcha políticas de igualdade e iniciativas dirixidas ás persoas maiores. Dende o BNG queremos abandeirar “un novo goberno alternativo” ao Partido popular dialogando con outras forzas políticas para converter o concello nun referente cultural e no que a xente moza poida traballar convertendo Redondela “no mellor sitio para vivir”.
Na súa intervención, Xoán Carlos González salientou que o BNG conta “cun proxecto crible para Redondela” avalado por unha candidatura de homes e mulleres que o vindeiro 26M porán en marcha iniciativas para impulsar as potencialidades do cuarto concello da provincia de Pontevedra pero sobre todo, recalcou, “un proxecto que ten en conta o traballo dos colectivos e asociacións que levan tempo reclamando mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”. Dende o concello, anunciou o candidato nacionalista, o BNG impulsará políticas de benestar e igualdade ademais de propostas destinadas a nosa mocidade. Utilizaremos “criterios xustos e obxectivos” á hora de xestionar os cartos públicos e serán proxectos participativos que priorizarán o ben común e o interese xeral.
O candidato á Alcaldía de Redondela mostrou a súa confianza no apoio dos veciños e veciñas dos que dixo, xa coñecen a nosa maneira de facer política e estou seguro que o 26M imos ter o apoio necesario para poñer en marcha uns verdadeiros orzamentos participativos, para mellorar os servizos de benestar. Traballaremos para recuperar a dinámica socil, humanizar os núcleos urbanos e a dotación de servizos de primeira para as parroquias.
“Demos a cara e somos a alternativa de goberno para Redondela", afirma o candidato tras unha lexislatura na que o Partido Popular xestionou o concello sen maioría absoluta.
CARME DA SILVA: "A PRESENZA DO BNG NO CONGRESO DARÁ VOZ A REDONDELA EN MADRID"
A candidata do BNG ás eleccións xerais do 28 de abril pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, asegurou hoxe no mitin de A Xunqueira que a presenza do BNG no Congreso permitirá que Redondela teña voz en Madrid presentando iniciativas concretas. “Coñecemos a realidade do país a pé de terra, sabemos da longa lista de necesidades”, asegurou, para criticar que non se aproveite a súa situación estratéxica entre Pontevedra e Vigo como un nodo de comunicación que fomente o desenvolvemento económico. De feito, Da Silva afirmou que a día de hoxe as comunicacións por estrada e ferrocarril da vila coa contorna supoñen máis unha barreira que un beneficio.
A número un ao Congreso manifestou que a principal prioridade do BNG en Madrid será suprimir a peaxe da AP-9, que definiu como unha vía estratéxica para o país, defendendo a necesidade de ter capacidade de xestión propia nunha AP-9 rescatada. “Os partidos no goberno central comportáronse como gotas de auga”, dixo.
Outro tema que abordou na súa intervención foi a necesidade dun tren de cercanías e de dotar á parroquia de Chapela dunha estación de proximidade onde poder coller o tren para Vigo ou Pontevedra. “Apoiamos sempre esta demanda da veciñanza de Redondela e somos coherentes. Está claro que o BNG será a única voz que defenderá os intereses das e dos redondeláns. “Apoiar ao BNG será o seu voto útil”, insistiu.