Xerais 2023

Ana Pontón: “O BNG tende a man para negociar un goberno alternativo á dereita que impulse a axenda galega e as liberdades”

Xornada electoral

O Bloque volve subir nunhas eleccións con 31.000 votos máis, un 25% de aumento, aínda que a forza nacionalista non está “satisfeita” co resultado

Agradece o apoio recibido por 151.200 galegas e galegos que se traduce nun “escano decisivo” que volve darlle a Galiza unha voz libre ante Madrid

“No que dependa do BNG non haberá repetición electoral”, destacou

 

A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou que unha vez máis o BNG volveu subir nunha cita electoral con 31.000 votos adicionais até acadar as 151.200 papeletas, un 25% máis que nos comicios de 2019, un resultado que permitiu manter un escano reforzado que servirá para defender con máis forza Galiza en Madrid, colocando a axenda galega no centro da política estatal. “Dicirlles aos galegos e as galegas que van seguir tendo unha voz libre en defensa dos nosos intereses”, proclamou a líder nacionalista.

En Galiza, o Bloque e a única forza política alternativa ao PP que sube, e a nivel estatal e unha das dúas únicas formacións nacionalistas que aumenta en número de votos, ademais, quedou a 3.000 votos de conseguir o escano de Pontevedra. En todo caso, recalcou Pontón, “non estamos satisfeitos co resultado, queríamos máis por ambición de País pero é certo que a campaña desenvolveuse nun contexto moi difícil, especialmente polarizado no bipartidismo, cun falso enfoque presidencialista e custou moito facer chegar as nosas mensaxes centradas en Galiza”.

O escenario que deixa a noite electoral, moi aberto, vai facer que o escano do BNG sexa decisivo para poder conformar un goberno “e o BNG ten toda a vontade de cumprir aquelo co que nos comprometemos en campaña: darlle voz e forza a axenda galega e tamén frear calquera tipo de involución democrática e, neste sentido, parabenizámonos de que hoxe haxa un escenario que evite un goberno da dereita da man da extrema dereita machista, racista e xenófoba, un escenario ao que tamén contribuíu o voto ao BNG”, explicou Pontón.

Por iso, indicou enviando unha mensaxe moi clara, “desde xa o BNG tende a man para poder negociar un goberno alternativo ao da dereita e a extrema dereita antigalega, unha negociación na que evidentemente queremos que se impulse a axenda galega e que se avance en dereitos e liberdades. Temos toda a vontade de que esa negociación chegue a bo porto e que sigamos avanzando na defensa de Galiza, na solución aos problemas dos e das galegas e na defensa dos dereitos e liberdades”.

Igualmente, a portavoz nacional, subliñou que “no que dependa do Bloque non vai haber repetición electoral”, e agradeceu “de corazón” o apoio das máis de 150.000 persoas que este domingo con toda a ilusión colleron a papeleta do BNG, “que saiban que o seu voto vai ser decisivo e que vai impulsar a axenda galega e as liberdades”, concluíu.