Ana Pontón: “O BNG ten proxecto e a mellor candidata en Raquel Suárez para volver liderar Boiro e facer que o concello avance”
Lembra o legado de Deira e destaca o modelo municipal de éxito do Bloque, convencida de que a candidatura que lidera Suárez vai ter un gran resultado o 28M
Raquel Suárez: “Preséntome a estas eleccións municipais pola preocupación, cariño e compromiso que sinto con Boiro e coa súa xente”
A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu á presentación de Raquel Suárez como candidata do BNG á Alcaldía de Boiro á que describiu como “unha muller con moita capacidade, enorme compromiso, coñecedora dos problemas deste concello e de como darlles solución porque ten este concello na súa cabeza e no seu corazón”.
Pontón enxalzou o proxecto do BNG para o municipio do Barbanza “que pon ás persoas no centro, cun urbanismo sustentable e que aposta polos sectores produtivos estratéxicos, como o complexo mar-industria”, ao que se lle suma o obxectivo de acadar “un concello cohesionado, no que o rural conte e dispoña de todos os servizos”. A líder do Bloque destacou, ademais, que o BNG ten un xeito de gobernar que é “transparente e democrático, onde todos os veciños e veciñas son tratadas por igual”.
Raquel Suárez, “é a mellor candidata, que ten claro como aproveitar todo o potencial desta vila e ademais quere a este concello e a súa xente”, sintetizou.
O proxecto que representa o BNG para Boiro, destacou a portavoz nacional, procura “devolverlle a ilusión e o orgullo” para conseguir “un concello cohesionado coas persoas no centro, no que as parroquias e os núcleos do rural conten e dispoñan tamén de todos os servizos, para que as persoas teñan máis espazo ca os vehículos”. Ademais, defendeu o modelo “inclusivo” da formación nacionalista “no que a mocidade xogue un papel importante e se sinta partícipe das decisións que toma o seu concello”.
Unha mocidade clave para un Boiro “para a maioría social”, co obxectivo de promover dende o concello “un futuro sustentable no ambiental e no económico, apoiando os sectores produtivos estratéxicos como é a cadea mar-industria, fundamental para este concello e a súa comarca”.
Unha maneira de gobernar que a veciñanza xa coñece porque o BNG “xa demostrou a súa capacidade da man do noso queridísimo compañeiro Xosé Deira, do que todos e todas gardan o mellor recordo, tanto no humano como no político”. Unha época, salientou a líder do Bloque, na que a veciñanza “tivo un concello transparente, coas portas abertas. Con el como alcalde, Boiro avanzou e foi a mellor”, o que demostra, sinalou, “que cando o BNG lidera o concello, Boiro avanza, hai máis calidade de vida, hai máis dinamismo económico, social e cultural”.
Un Bloque capaz de construír vilas e cidades con futuro, de facer avanzar unha cidade, unha vila ou un concello rural “a un ritmo rápido e positivo, que está presente nos municipios para transformar en positivo e para mellorar a vida das persoas. Por todo isto, Pontón declarou que o Bloque será a forza que máis suba nas eleccións municipais, “porque o 28M saímos a gañar, con toda a humildade pero tamén coa máxima ambición, porque queremos abrir un tempo novo en Galiza concello a concello”
“O BNG representa o entusiasmo, a vitalidade, o empuxe e o optimismo que tanto necesita Galiza e a sociedade galega”, enxalzou a portavoz nacional, que valorou “un modelo municipal de éxito, que funciona, que e referente dentro e fora do País, que aporta solucións avanzadas adaptadas á nosa realidade, aprendendo do mellor que existe no mundo”, aludiu, “para non perder o tren das grandes transformacións que neste momento hai que poñer en marcha para non quedar atrás”. Unha maneira de gobernar, concluíu, que dará “un resultado histórico” en Boiro e no conxunto de Galiza o vindeiro 28 de maio.
O proxecto BNG para Boiro
Pola súa parte, a cabeza de lista, Raquel Suárez, destacou que se presenta á Alcaldía para mellorar Boiro, “pola preocupación, cariño e compromiso que sinto con Boiro e coa súa xente”, un reto que asume “acompañada dun equipo humano impresionante, persoas honestas, traballadoras e comprometidas”. Un equipo preparado “para transformar Boiro, porque imos a por todas co aval do traballo feito” representando un BNG “que vai conseguir uns resultados históricos, porque Boiro merece máis”.
Suárez expuxo o modelo do Bloque para un Boiro “das persoas e da cidadanía”; para acadar “un concello limpo, seguro e accesible”, cunhas augas e praias “saneadas e depuradas”; para darlle a veciñanza un executivo municipal “con responsabilidade económica” e que saiba dinamizar o rural, que defende unha mobilidade sustentable”.
A candidata á alcaldía de Boiro concluíu defendendo un modelo de vila igualitario e protector dos dereitos de todas e todos e onde se implementen “todas as medidas que permitan avanzar pola igualdade das persoas LGTBI e na igualdade real entre homes e mulleres”, concluíu.