Galegas 2020

Ana Pontón: “O BNG ten un programa de Goberno para erguer Galiza e evitar que a crise a pague a maioría social”

Presentación programa

É tempo de ter un Goberno libre do centralismo que confíe no país e capaz de exerza un poder político e económico real para a reconstrución de Galiza, proclama

Autonomía financeira, autogoberno, aposta polos sectores produtivos, defensa dos servizos públicos e da igualdade real, entre as prioridades dun Goberno BNG

Pontón replica a Feixóo que se atreva a un debate a dobre volta na TVG para que a cidadanía poda contrastar proxectos

A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou un programa de goberno para “erguer” Galiza e prender o motor dun país parado pola falta de ideas do Executivo de Feixóo, un programa que un Goberno liderado polo BNG poñería en marcha a partir do 12X para a reconstrución económica e social, evitando que esta crise a pague unha vez máis a maioría social.

“Hoxe Galiza ten un goberno sen ideas, sen impulso ao que se engade o atranco de sucesivos gobernos do Estado contaminados de centralismo que fai que Galiza perda, por iso urxe un cambio de rumbo da man dun BNG que confía no país e disposto a aproveitar todo o seu potencial”, salientou Pontón, que destacou que unha das ensinanzas que deixa a crise da COVID19 é a necesidade de camiñar “cara o local, a economía verde, a sustentabilidade, apostando pola ciencia e o coñecemento: todo iso é o que representa o BNG”.

Por iso, argumentou, non é tempo para o inmobilismo “senón para poñer en marcha un tempo novo, autocentrado e cun proxecto deseñado desde nós e para nós para sacar adiante unha Galiza que non pode seguir co motor parado e ten que poñerse en marcha. Hai que erguer o país, hai que levantar aos galegos e ás galegas porque non podemos permitir que esta crise a paguen os de sempre, non podemos permitir que sigan liquidando a nosa capacidade produtiva”.

E para conseguilo insistiu nunha gran mobilización nas urnas arredor do BNG de todas as persoas que queren un cambio galego que permita pasar páxina dos once anos de decadencia do Goberno de Feixóo. Para iso, presentou un programa de goberno “arredor de dez grandes principios co obxectivo de conseguir a reactivación económica e social a través dun gran acordo de país”, explicou a candidata á Presidencia.

En primeiro lugar, autonomía financeira que pasa por darlle a Galiza un novo modelo de financiamento que permita xestionar desde aquí todos os recursos e marcar as prioridades, en definitiva, que lle dea a Galiza a chave dos seus cartos, o que tamén inclúe unha banca pública que facilite que o aforro galego chegue ás familias e empresas. Segundo, combater a precariedade, actuando en cuestións como o acceso á vivenda ou en servizos básicos como subministro de auga, luz e electricidade.

Terceiro, aposta pola I+D+i como clave para unha economía competitiva, capaz de xerar riqueza e emprego de calidade. Cuarto, a defensa da capacidade produtiva cunha aposta polos nosos sectores estratéxicos, empezando por poñer os recursos do país ao seu servizo, por exemplo a riqueza eléctrica a través dunha tarifa eléctrica galega.

Quinto principio inspirador do programa: a defensa e blindaxe dos servizos públicos, en particular a sanidade pública e coidado dos maiores, cuestión urxente que a crise da COVID19 puxo máis de relevo que nunca. “O BNG ten un modelo de residencias nas antípodas do PP no que o obxectivo é garantir o dereito a unha vellez digna, non se pode mercantilizar o coidado dos nosos maiores”, indicou Pontón.

En sexto lugar, a igualdade real como prioridade transversal dun goberno liderado polo BNG, con medidas tan concretas como un investimento mínimo do 1% dos orzamentos á loita contra a violencia machista e cunha aposta pola conciliación familiar e laboral. Igualmente, afrontar o desafío da emerxencia climática e das políticas medioambientais, -porque sen preservar o territorio non hai futuro-, e desenvolver un novo modelo de mobilidade e transporte máis racional, cunha aposta pola creación dunha empresa pública de tren de proximidade e a gratuidade das autoestradas galegas.

A defenda da lingua propia forma tamén parte do decálogo de principios que inspiran o programa de cara ao 12X, empezando por derrogar o decreto contra o galego no ensino aprobado por Feixóo, así como a posta en marcha dunha política cultural que atenda á dimensión social, económica e identitaria. Finalmente, a defensa dun novo status político para Galiza, a comezar polo mínimo de esixir a transferencia de todas as competencias pendentes recollidas no Estatuto, pero con aspiración ao pleno recoñecemento como nación con dereitos políticos.

No acto de presentación do programa, xunto coas persoas cabezas de candidatura, Pontón referiuse a proposta de Feixóo en relación a como debe desenvolverse a campaña electoral. A candidata á Presidencia retou ao candidato do PP a un debate a dobre volta na TVG, “que se atreva a contrastar ante os galegos e as galegas os proxectos de cada un”, dixo, tras subliñar que o Bloque fixo unha proposta de campaña de dez días cun dobre debate nos medios públicos á que Feixóo segue sen contestar.

40 mitins encubertos na TVG

“O que me parece o colmo do cinismo e que un Feixóo que seguiu en campaña durante a pandemia, que deu 40 mitins encubertos na TVG en horario de máxima audiencia, que usa de xeito obsceno a televisión pública como a súa canle de propaganda persoal agora diga que as demais forzas políticas non temos dereito a transmitirlle aos galegos e as galegas as nosas propostas e proxectos”, alegou, “insisto, que non se esconda e que acepte un debate a dobre volta”.

Pontón tamén se referiu a preguntas dos medios ao fin do estado de alarma. Neste sentido, criticou que Feixóo non teña un protocolo, un plan claro de como actuar de producirse un rebrote, “demostrando a mesma improvisación que lle reprochaba ao Goberno central”, e tamén afeou ao candidato do PP que a súa proposta para a concilicación “sexa a da lei da selva, que os pais e nais que podan pagar unha persoa para coidar aos seus fillos e fillas podan conciliar e do resto se despreocupa”, indicou, “non se entende que se podan celebrar festas infantís en breve, que se podan organizar campamentos con até 250 menores pero que as escolas infantís sigan pechadas até setembro sen darlle unha alternativa real de conciliación ás familias”.


DESCARGA: