Ana Pontón: “O BNG está no seu mellor momento e vai a por todas para sentar no Congreso un grupo orgullosamente galego”
A portavoz nacional pide concentrar o voto do País no Bloque para mudar a discriminación polo trato xusto e seguir avanzando en dereitos sociais
Carme da Silva chama ao Morrazo a ser motor e empuxe co obxectivo de conseguir unha representación galega forte en Madrid.
“Que ninguén o dubide, o BNG está no seu mellor momento e imos a por todas para sentar no Congreso un grupo orgullosamente galego a favor do país”. Asegurouno a portavoz nacional, Ana Pontón, no mitin que tivo lugar en Cangas, onde fixo un chamamento á cidadanía para concentrar no Bloque o voto de País e, deste xeito, mudar a discriminación polo trato xusto a Galicia.
“Queremos facernos valer!”, proclamou, ao tempo que subliñou que o Bloque volverá superar desta volta as enquisas para lograr unha representación forte no Congreso que permitirá “inclinar a balanza do lado de Galiza e do lado dos dereitos sociais”.
“Só o BNG ten as mans libres para defender os nosos intereses ante o Goberno do Estado, con orgullo e con determinación”, dixo a líder nacionalista, advertindo do moito que se xoga Galiza nestas eleccións xerais. “Xogámonos ter unha voz forte e potente que defenda os nosos intereses alí onde se toman as decisións que nos afectan directamente, xogámonos loitar contra a discriminación das forzas estais, que din unha cousa aquí e fan a contraria en Madrid”, apuntou.
Ana Pontón volveu defender que un grupo do BNG formado por deputados e deputadas das catro provincias é a única vía para garantir que alguén “bata o cobre” e “dea a cara” polo País. O abandono das forzas estatais, argumentou, xa se ten demostrado co ocorrido respecto ao ‘boom’ eólico, “que espolia a nosa riqueza na terra e que agora, ademais, quérese estender ao mar”.
Na vila mariñeira de Cangas, cargou contra as forzas estatais que, man a man co lobby eléctrico, “xa decidiron en Madrid que queren converter o noso litoral nun grande parque eólico, aínda que iso supoña cargarse o medio de vida de miles de familias”. “Sería un golpe de morte para o noso sector pesqueiro e marisqueiro”, advertiu.
Por iso, recalcou, Galiza precisa ter un grupo propio e forte da man do BNG, como teñen cataláns e vascos, que “usan a súa forza para que os seus pobos avancen”. Do que supón ter voz propia no Congreso xa deu conta tamén o Bloque durante a última lexislatura, na que un só deputado, Néstor Rego, “fixo máis por mellorar a vida dos galegos e das galegas que os 22 restantes, esa procesión de caladiños que pulsa o botón do que se digan en Madrid”, dixo Pontón. “Cando o noso voto foi decisivo soubemos moi ben como usar esa forza”, afirmou, aludindo á rebaixa histórica da AP9 da que se benefician cada día 20.000 persoas.
O BNG, sostivo a súa líder, ten o obxectivo claro de ser decisivo en Madrid para condicionar a política do Estado a favor de Galiza, pero tamén para traballar por “unha sociedade que aposta pola convivencia, o respecto e a diversidade.
Muro de contención
A portavoz nacional chamou á cidadanía galega a mobilizarse para non dar “nin un paso atrás” na defensa dos dereitos e das liberdades, e apelou a votar coa cabeza e o corazón, dende o convencemento de ser “unha sociedade que quere facerse valer, orgullosa da nosa identidade, cultura e lingua; unha sociedade moi lonxe do ruído dun PP ultra en alianza coa extrema dereita antigalega”. Fronte a esta, deixou claro, o Bloque actuará como “muro de contención”.
“O BNG está aquí para ser decisivo, para romper todas as previsións e para facer historia cun grupo galego e forte ao servicio deste País”, concluíu Pontón tras pedir que, votase o que se votase nas últimas eleccións xerais, na cita do 23X todo o voto do País sexa para o Bloque. “Todo o voto do País, o BNG; todo o voto de esquerdas e transformador, ao BNG; todo o voto preocupado pola deriva reaccionaria do PP, ao BNG; todo o voto decepcionado pola falta de valentía das políticas da esquerda española, ao BNG”, dixo no mitin de Cangas.
Os valores do Morrazo, en Madrid
A deputada pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, destacou pola súa banda que o Morrazo está chamado a ser motor e empuxe do grupo galego forte en Madrid. A comarca, apuntou, sempre foi un pilar do BNG, e lembrou que nestes momentos tres alcaldías do Bloque “marcan a diferencia” con políticas que conseguen mellorar a vida da veciñanza.
O Morrazo, engadiu, está a ser un exemplo de loita na defensa da sanidade, na defensa dunha AP-9 galega e libre de peaxe ou na defensa da lingua e a cultura, “valores que sempre foron aquí e para o BNG elementos fundamentais e que levaremos tamén a Madrid con máis forza que nunca”.
Acompañada da tamén candidata María Ortega e da alcaldesa de cangas Araceli Gestido, Da Silva instou a xuntar os votos “de País” e confiar no BNG para dar voz propia a esta comarca no Congreso “e defender os seus intereses como sempre o fixemos fronte ás forzas estatais que se alternan na discriminación a Galiza”. “As forzas centralistas, a pesares de ter deputados que din representar a esta terra só gobernan contra nós”, advertiu.