Ana Pontón: "O BNG será insubmiso coa LOMCE e as reválidas, e poremos en marcha un Lei Galega de Educación"
- A candidata do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Ana Pontón mantivo hoxe un encontro con medio centenar de delegados e delegadas do Ensino e representantes de AMPAS de Galiza no que trasladou o seu apoio a todo o profesorado por conseguir “un menor impacto” dos recortes do Goberno Feijóo na educación de nenos e nenas
A candidata do BNG, Ana Pontón, tras agradecer o esforzo do profesorado ante os continuos recortes do Goberno Feijóo, explicou que a partir do día 25 de setembro teremos a oportunidade de “poñer fin” ao malestar das políticas “regresivas” en materia de educación do Partido popular e apostou pola “insubmisión ás reválidas” e posta en marcha “dunha lei galega para a educación”. Neste sentido, lembrou que comunidade educativa galega foi “ vangarda no Estado español” na loita contra as reválidas e a non aplicación da LOMCE.
Ante medio centenar de delegados e delegadas da CIG-Ensino e representantes de AMPAS de Galiza, a candidata nacionalista afirmou que a LOMCE supón un paso atrás, dende o punto de vista pedagóxico e impide avanzar cara un “ensino público de oportunidades e non de barreiras”. o BNG aposta por poñer en marcha “a Lei Galega de Educación”, unha lei galega que blinde o ensino obrigatorio, e a gratuidade así como o progresivo aumento de recursos ata investir o 7% do PIB como fan algúns países que apostan realmente pola educación.
Ana Pontón defendeu no encontro do ensino, celebrado hoxe en Santiago de Compostela, a capacidade libre de decisión en materia de educación con medidas destinadas sobre as “bolsas de estudos, calendario escolar, programas contra o fracaso escolar e un modelo de ensino vinculado á realidade da sociedade galega consonte ás súas potencialidades e necesidades, a súa lingua, cultura e historia”.
A candidata do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, rematou a súa intervención defendendo “dotar os centros públicos de todo o profesorado preciso, baixar ratios de alumnado por aula no bacharelato e restituír a gratuidade dos libros de texto”