Ana Pontón: "O BNG será o catalizador do cambio real capaz de abrir un tempo novo en Galiza cunha muller presidenta"
Apela a unha mobilización masiva da man de todas as persoas que queren deixar atrás a “desfeita” de once anos de PP: “Ou cambio galego, ou inmobilismo”
Frear o peche de empresas cun plan de reindustrialización, entre as prioridades
Rivas: “Toca mudar o rumbo para xerar emprego e futuro nesta comarca, por iso o BNG ofrece tarifa eléctrica galega e o PP portas xiratorias”
A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, pediu desde Narón unha “gran mobilización” para pasar páxina da década de “decadencia” do Goberno Feixóo e abrir un tempo novo cun goberno liderado polo BNG, “que se faga valer e que teña como único obxectivo a defensa do país e deste pobo”. “Ou cambio galego con BNG, ou inmobilismo do PP”, sentenciou.
Pontón manifestou o seu convencemento de que os datos indican que hai partido: “saímos a por todas para ganalo e facer historia dando paso a un goberno de país que teña á fronte, por primeira vez, a unha muller nacionalista”, proclamou, “convencida de que o a BNG “vai ser o catalizador do cambio real, a forza capaz de derrotar ao PP na urnas e capaz de abrir un tempo novo”. E facer historia, -dixo-, “é construír unha nova Galiza gobernada desde nós, viva, dinámica, con futuro, que se faga valer, que non baixe a cabeza diante de Madrid e que aposte con decisión por abrir un país novo”, explicou Pontón.
O 12 de xullo “toca escoller”, indicou, “entre a Galiza parada de Feixóo e a Galiza co motor en marcha do BNG, escoller entre unha nova maioría do PP para que seguir no retroceso, perdendo peso económico, político e social ou elixir o cambio galego que representa o BNG cun proxecto capaz de poñer fin ao devalo económico, industrial e social” que deixa o candidato popular.
“A peor política industrial é a que non existe e esa foi a que aplicou o candidato Feixóo ao longo destes anos, e agora Galiza precisa un goberno que cambie o rumbo con propostas para sacar a nosa industria adiante, para frear a sangría constante do peche de empresas”, salientou, propostas como as que presenta o BNG: Plan de reindustrialización, combater a deslocalización de empresas a través dunha lei, promover a I+D+i para modernizar o sector industrial e a formación continua dos traballadores.
“Pero o máis importante de todo e que Galiza teña despois do 12X un goberno que confíe no país, e iso só posible baixo o liderado do BNG, só é posible se nós mobilizamos para facer historia e, por primeira vez, Galiza ten unha muller nacionalista como presidenta”, concluíu.
O cabeza de lista pola Coruña, Xosé Luís Rivas, insitiu na necesidade de implantar pequenas industrias de transformación que revertan o valor engadido en Galiza e políticas que revitalicen o sector industrial para que empresas como Alcoa, Noa Madera, Isowat, Navantia ou ENDESA, recuperen a súa actividade.
“Un goberno do BNG loitará para acabar co espolio enerxético cunha tarifa electrica galega en detrimento das portas xiratorias do PP nas grandes eléctricas”, subliñou, “Endesa e Alcoa están moi cerca e ningunha é un caso illado, son produto, -denunciou-, das políticas contra Galiza exercidas dende o neoliberalismo e polos gobernantes que non miran polos nosos intereses”. Se o BNG lidera o cambio político o 12X “cumpriremos os nosos compromisos para crear emprego digno, defender os servizos públicos e tirar partido das grandes potencialidades dos nosos sectores produtivos”, concluíu.