Ana Pontón: “O BNG é o proxecto común de todas as persoas que pensan que Galiza merece máis”
Declárase preparada para asumir o reto de liderar a Xunta e darlle a este País un proxecto alternativo fronte a un PP subordinado ao centralismo
Estamos ante un cambio de ciclo, o que reclama unha maioría social que defende todas as causas xustas, desde o feminismo ao ecoloxismo
Aspira a seguir agrandando a base social coas portas abertas a todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón: “Hai sitio para todas”
A portavoz nacional, Ana Pontón, arrancou a súa intervención nunha Praza da Quintana cun cheo histórico e cun ambiente de ánimo entusiasmado que recibiu a líder do BNG coreando “presidenta”, e empezou poñendo en valor o resultado electoral do BNG nos recentes comicios, incluíndo a cita coas urnas do 23X que, “sen ter cumprido as expectativas”, volveu demostrar que o Bloque é unha forza política á alza e que o escano reforzado servirá para defender a Galiza nación en Madrid e, ao mesmo tempo, para avanzar en dereitos e liberdades freando ás dereitas.
“A papeleta, que colleron 152.327 galegos e galegas o pasado domingo é un acto de rebeldía contra unha campaña pensada para revivir o bipartidismo, polarizada e deseñada desde os platós de TV madrileños, un acto de rebeldía contra os que nos din que Galiza ten que poñerse a un lado, que sempre pode esperar, con esa papeleta falamos alto e claro: Galiza existe, ten voz, ten un voto decisivo e non nos imos deixar a apartar”, proclamou.
Pero se é importante defender Galiza en Madrid aínda o é máis defender Galiza en Galiza e nese sentido, subliñou, o BNG “é o proxecto común de todos e todas as que pensan que Galiza merece máis”, fronte a un PP sen proxecto, subordinado ao centralismo, que goberna para as eléctricas mentres deteriora os servizos públicos, como fai coa educación ou coa sanidade.
Neste sentido, indicou que os galegos e as galegas merecen máis que un presidente “de reposto” máis preocupado dos problemas do seu xefe de filas que polos da xente do común. Pero está en marcha un cambio de ciclo, recalcou, que o BNG quere liderar como alternativa real ao PP e con ese obxectivo anunciou o seu total compromiso para asumir o reto de darlle a Galiza un Goberno liderado polo BNG.
“Darei o mellor de min para que fagamos historia e teñamos por primeira vez unha presidenta coas mans libres para defender ós galegos e ás galegas, sen submisións nin ataduras, síntome preparada, con máis forza e ganas que nunca para asumir o reto”, recalcou na súa intervención na Quintana.
Pontón advertiu que lograr esa meta “non vai ser fácil” e pediu á organización “non cometer o erro de pensar que está feito” ou de subestimar ao adversario, “pero demostraremos que aquí hai un pobo sen medo disposto a gañar un futuro mellor”, subliñou. Destacou que en fronte estarán os quen queren gobernar “sen pasar polas urnas”; os que queren “roubarnos a esperanza dicindo que aquí non hai nada que facer” alegando que diante hai un PP que volverá ir dopado ás eleccións, utilizando as institucións de xeito partidista ou a TVG sen importarlle cruzar todas as liñas vermellas para conseguir os seus obxectivos.
“Pero imos gañarlles porque cada vez somos máis e temos do noso lado a forza da razón e do corazón!”, proclamou a portavoz nacional, tras argumentar que é constante o comentario de que Galiza non vai ben e precisa un novo rumbo, que repetidamente lle transmitiron persoas e colectivos de moi distintos ámbitos e ideoloxías no seu percorrido ao longo e ancho do País durante os últimos meses .
A polo cambio
“Estamos ante un cambio de ciclo, -argumentou-, o cambio que reclama a mocidade emigrada, a cidadanía cando defendemos na rúa a sanidade pública; o cambio que demanda a Galiza rural cando se levanta fronte á rapiña das eléctricas e o abandono dos gobernos, o que defende un monte multifuncional, que aposta polo medio ambiente e ten como prioridade loitar contra a emerxencia climática; o cambio que reclaman os científicos e as investigadoras fartas de traballar en precario”, explicou.
O cambio que o BNG quere liderar en Galiza, continuou Pontón na súa intervención, “é o que as mulleres defenden enchendo as rúas o 8M a favor dun País feminista, diverso, que coide das persoas maiores; o que reclama un novo modelo económico sustentable e con emprego digno; o cambio de quen defende un modelo enerxético ao servizo das familias e das empresas”. “En definitiva, o cambio para gañar un País mellor, con máis poder político, para gañar a Galiza que queremos e merecemos e podemos conseguir ese cambio entre todos e todas”, subliñou.
Todas as causas xustas
Pontón situou ao Bloque do lado de grandes referentes que cambiaron conciencias ao longo da historia, “somos da estirpe de Rosalía”, alegou, “da xente que loitamos unidas por Galiza, polo ben común, polos dereitos e as liberdades”. E con eses obxectivos a formación aspira a seguir agrandando a súa base social: “Todas as persoas que teñen a cabeza e o corazón neste País saben que as portas do BNG están abertas e que aquí hai sitio para traballar na defensa de Galiza como nación”.
Porque na defensa de Galiza están todas as causas xustas, como a democracia, a igualdade e a liberdade; a causa do emprego, da vivenda e do medio ambiente, a da lingua, da cultura e da identidade. “E estas causas hai que defendelas día a día, nas institucións e na rúa, como vimos facendo desde hai 40 anos de historia do BNG”, salientou.
Pontón, que definiu ao Bloque como unha forza “nacionalista e punto”, destacou que a formación que lidera está no “mellor” momento da súa historia como demostra o apoio social que non deixa de medrar elección tras elección, con logros como o de gobernar a Alcaldía de Santiago, exemplo “da Galiza que ven”. Ademais, o escano reforzado, logrado nun contexto de enorme polaridade bipartidista, será decisivo para defender Galiza en Madrid. Por iso, “é o momento de aspirar a máis, de conquistar con alegría e confianza o presente e o futuro que merecemos”, concluíu nunha Quintana cun cheo histórico e cun ambiente de entusiasmo e celebración.