Ana Pontón: “O BNG proporá no Debate do Estado da nación a creación dunha lei para a igualdade no deporte”
Urxiu a necesidade de blindar por lei que o deporte sexa un espazo libre de machismo e abordou falta perspectiva de xénero nas políticas da Xunta
A líder do BNG lembrou que “se o PSOE quere o voto do BNG na investidura de Sánchez ten que negociar medidas a favor de Galiza”
A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro con mulleres do ámbito deportivo para escoitar de primeira man como está sendo a súa participación no deporte.
Tras a xuntanza, Pontón afirmou saír con tres conclusións claras. A primeira delas é que “as mulleres grazas ao seu empeño, impulso e talento están rompendo estereotipos e con moitos teitos de cristal no ámbito do deporte” indicou a portavoz nacional, lembrando que “aínda que se avanzou moito, é evidente que a participación da muller no deporte é unha participación en desigualdade”.
En segundo lugar quixo denunciar a falta de perspectiva de xénero nas políticas da Xunta neste ámbito e, como terceiro punto, urxiu a necesidade de blindar por lei políticas públicas que garantan a igualdade no ámbito do deporte. “No BNG queremos que o deporte sexa un espazo libre de machismo e que as nenas, as mozas e as adultas poidan participar en igualdade sabendo que van a un espazo seguro e que serán tratadas con respecto”, declarou.
Pontón amosou o compromiso do Bloque e o seu propio compromiso persoal para facer da igualdade do no deporte unha prioridade. A portavoz nacional recalcou a importancia de que a perspectiva de xénero estea presente en todos os ámbitos: coas deportistas, coas técnicas, coas adestradoras, co persoal que traballa nas federacións....
“É a nosa obriga escoitar e recoller as denuncias que formulan as propias deportistas para traballar co obxectivo ético, moral e o dereito democrático de que o deporte sexa o un espazo igualitario para as mulleres”, subliñou.
Con respecto disto, Pontón puxo o foco sobre algúns datos que amosan a clara fenda de xénero existente na actualidade. No ano 2022 o deporte feminino en Galiza só supuxo o 25% das fichas federadas. Ademais, das 297.000 persoas que hai practicando deporte federado só 73.864 son mulleres. Esta desigualdade tamén afecta aos órganos directivos: en 2020, fronte a 367 directivos só 84 eran mulleres (un 18,6%) e, a maiores, varias disciplinas deportivas que non tiñan ningunha muller nos seus órganos directivos.
A estes datos súmanselles outros como que “no ámbito futbolístico máis de un 80% das deportistas se sentiron discriminadas ou un 16% viviu situacións de acoso sexual”, engadiu a líder do Bloque. Sobre isto, Pontón quixo lembrar as denuncias públicas que formulan as propias deportistas. “Estes últimos meses acabamos de ver como as xogadoras de fútbol da selección dixeron “acabouse”, fartas de soportar comportamentos machistas”, destacou, cualificándoas como “un exemplo de loita pola igualdade” e poñendo sobre a mesa que “todos temos a obriga de acompañalas porque sabemos que as denuncias son a punta do iceberg”.
Proposición de lei para a igualdade no deporte
Neste sentido, e atendendo á obriga moral e democrática de tomar medidas estruturais, o BNG rexistrará unha proposición de lei para a igualdade no deporte. Preténdese así poder introducir novas ferramentas e mecanismos para traballar pola igualdade de xénero, combater a desigualdade e o machismo e para que as denuncias teñan tamén unha resposta no ámbito legal.
Entre outras medidas o Bloque proporá a creación do Observatorio Galego da Igualdade no Deporte que terá como función impulsar estudos estatísticos, cualitativos sobre o papel da muller no deporte galego, así como a súa situación económica, profesional, deportiva ou os posibles casos de machismo que puidesen vivir ou presenciar.
En segundo lugar Pontón urxiu a necesidade de “crear espazos de diálogo e de intercambio de experiencias, tamén positivas, para fomentar a igualdade e avanzar nun ámbito que é moi heteroxéneo segundo as disciplinas e as diferentes circunstancias”. Isto farase por medio da creación da Comisión Galega da Igualdade no Deporte como órgano colexiado no que participen a administración galega e os diferentes sectores deportivos, con capacidade sancionadora.
Como terceira medida o BNG propón establecer protocolos específicos para evitar actos machistas e, como cuarta, crear plans de conciliación familiar para que as deportistas profesionais non teñan que escoller entre continuar coa súa carreira deportiva e a crianza dos seus fillos e fillas.
Outros aspectos que contemplarán esta proposta de lei serán o incremento da participación das mulleres no ámbito directivo ou o comento da visibilización do deporte feminino. “Neste caso xogan un papel clave os medios públicos e en concreto a CRTVG, que debe incrementar as emisións e deporte feminino en horario de máxima audiencia” indicou a portavoz nacional”.
“En definitiva, trátase dun conxunto de medidas para impulsar a igualdade no deporte collendo o testemuño de moitas mulleres desta País como Irene González, Vero Boquete, Teresa Abelleira, Ana Peleteiro ou Teresa Portela”, indicou. “Elas son un exemplo que abre camiño para todas as que veñen detrás e desde a política temos que estar a súa altura. Queremos igualdade no deporte e querémola xa”, concluíu.
Sánchez ten que gañar o “si” do BNG na súa investidura
En resposta aos medios con respecto da investidura de Pedro Sánchez, Pontón reiterou que “se o PSOE quere o voto do BNG na investidura ten que negociar medidas a favor de Galiza” e fixo un chamamento á responsabilidade do Partido Socialista para evitar unha repetición electoral. “O BNG defenderá os intereses dos galegos e das galegas e se Sánchez quere ser presidente terá que telos tamén en conta”, manifestou.
A portavoz do Bloque finalizou destacando que “neste momento o PSOE non ten o si do BNG. Para que isto sexa así é necesario que Sánchez teña compromisos claros, concretos e orzamentarios con Galiza”.