Ana Pontón: “O BNG está preparado para darlle un futuro digno a Galiza”
Pide deixar atrás o inmobilismo decadente de Feixóo apostando nas urnas polo proxecto “autocentrado, innovador e con futuro” que representa o Bloque
A mobilización masiva das persoas que queren cambio real permitirá facer historia e que unha neta de labregos “sexa a primeira muller nacionalista na Presidencia”
Acto de reencontro coa militancia tras a pandemia que Pontón simbolizou con tres cravos: branco para lembrar as vítimas; vermello de recoñecemento ás que loitaron en primeira liña e azul de admiración pola actitude do pobo galego
Marcado polo contexto derivado da pandemia, a portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, abriu a súa intervención cun triplo agradecemento simbolizado por tres cravos: branco, en lembranzas das 619 vítimas, para as que a mellor homenaxe, -recalcou-, “é unha sanidade pública de primeira e nunca máis a atención ás persoas maiores convertida nun negocio”; vermello, para todas as persoas, -a maioría mulleres-, “que nos coidaron e deron o mellor de si nos momentos máis duros”; e azul, de “admiración” polo pobo galego “que demostramos ser capaces cara ás dificultades desde a solidariedade e coa man tendida”.
Para todas Pontón pediu un gran aplauso “desde o corazón”, como previamente fixera a portavoz municipal de Santiago, Goretti Sanmartín, citando con nome e apelidos ás persoas presentes no acto do sector sanitario, dos coidados, dos servizos básicos ou dos sectores produtivos, esenciais na loita contra o virus.
A pandemia trouxo profundas mudanzas, salientou a líder nacionalista, pero hai unha cuestión que ten máis vixencia que nunca: a necesidade de abrir un tempo novo logrando un cambio galego nas urnas da man do BNG. “Estou máis ilusionada que nunca coas posibilidades que ten o Bloque de obter un gran resultados o 12X e poder cambiar o rumbo do país nos vindeiros anos, teño máis ilusión que nunca con que consigamos escribir unha páxina na historia, facendo que por primeira vez Galiza teña unha muller e unha nacionalista presidenta, neta de labregos e filla de xente humilde e traballadora”, proclamou.
“O 12X temos a oportunidade de abrir portas e ventás e que entre aire fresco na Xunta, a oportunidade de abandonar o inmobilismo, o conservadurismo dun Feixóo que se esconda tras a pandemia para agochar once anos de fiasco que nos deixan unha Galiza en crise económica, social e política; para deixar atrás o fiasco de once anos de submisión, antes a Raxoi e agora a Casado; unha Galiza con cero transferencias nunha década, cun avellentamento galopante e cunha crise demográfica reflexo da agónica situación socioeconómica e laboral que nos deixa o candidato do PP”, alegou.
BNG vs burato negro do centralismo
Pero hai alternativa para lograr un cambio real, á que representa “o proxecto autocentrado, innovador e futurista” do BNG, -proclamou-, en contraposición ao resto de forzas políticas que ofrecen “máis dependencia do burato negro absorbente do centralismo”. Por contra, “o Bloque ofrece máis Galiza e menos Madrid, e somos a única forza capaz de ofrecer unha solución de futuro con garantías, con seriedade e con solvencia contrastada, porque somos unha forza de fiar”, alegou. Por iso, proclamou rotunda Pontón: “O BNG está preparado para darlle un futuro digno á xente deste país”.
Candidatura da ilusión capaz de dar a badalada o 12X
A líder nacionalista salientou que a candidatura que representa “xera cada día máis ilusión, simpatía e adhesións” de aí o seu convencemento de que Bloque vai “dar a badalada” o 12X e Galiza poderá escribir unha nova páxina na historia “un goberno liderado por unha presidenta nacionalista cun proxecto de futuro para a nosa nación”.
A líder nacionalista foi moi crítica coa xestión de Feixóo durante a pandemia, “o único galego que desentoou”, -declarou- porque nin durante a pandemia foi capaz de renunciar a facer “oportunismo” utilizando “de xeito obsceno” a TVG para seguir en campaña. “Pero nin así vai conseguir que unha mobilización masiva de todas as persoas que queremos un cambio galego lle amarguemos a noite electoral”. Un candidato do PP cuxo principal mérito na crise da COVID19 foi “aproveitarse” dos dous grandes erros do Goberno do Estado: non ter pechado Madrid e o mando único, “que lle serviu a Feixóo como coartada para agocharse e eludir responsabilidades”.
Pontón reflexionou sobre o feito de que “das grandes crises xorden novas oportunidades, son ocasións para mudar, para cambiar, para deseñar e impulsar un futuro diferente e mellor”, e para conseguilo pide apostar por “solucións xenuinamente galegas apoiando ao BNG” na vindeira cita coas urnas.
“O 12 de xullo imos a unhas eleccións nunhas circunstancias diferentes, pero agora que se fala tanto da nova realidade ou de distancia social, que dicir que non hai distancias entre todos e todas as que estamos unidas polo amor a este país e pola convicción de que Galiza ten un futuro prometedor se rompe co inmobilismo, se rompe co centralismo e apostamos con forza por quen pode traer futuro e properidade a esta terra: o BNG”, concluíu.
O acto contou coas intervencións políticas dos cabezas de lista Xosé Luís Rivas (A Coruña), Olalla Rodil (Lugo); Noa Presas (Ourense) e Xosé Luís Bará (Pontevedra”, e candidatas como Montse Prado e Alexandra Fernández, nun acto conducido por Xuxo Souto.
RELACIONADO:
Álbum de imaxes do acto O CAMBIO GALEGO EN MARCHA.